+034 986 09 02 04 Xoves 02 de Abril de 2020

A EGAP acolle unha xornada para loitar contra a aporofobia e a desinformación dende a administración pública


Máis de 200 profesionais dos servizos sociais galegos asistiron hoxe na EGAP a unha xornada dirixida a prever as situacións de aporofobia que se poidan dar cara ás persoas en situación de pobreza ou exclusión social
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu hoxe a xornada Como loitar contra a aporofobia, o odio e a desinformación dende a Administración pública, unha actividade organizada en colaboración con EAPN-Galicia co obxectivo de prever calquera situación de discriminación que se poida dar por mor dos prexuízos existentes cara ás persoas en situación de pobreza ou exclusión social.
A xornada, á que asistiron máis de 200 persoas, foi inaugurada polo director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.

Durante o acto inaugural a directora da Escola destacou a importancia que teñen as diferentes institucións públicas para loitar contra a desinformación a través do traballo dos seus profesionais. Nesta liña, lembrou o papel da Administración para combater as falacias sobre as persoas en exclusión que abundan no discurso social. Para conseguilo, incidiu Sonia Rodríguez-Campos, as institucións teñen a responsabilidade de facer as achegas necesarias para evitar calquera situación de discriminación, ofrecendo unha información veraz á sociedade que permita construír novos discursos respectuosos con todas as realidades.

Ademais, a directora do organismo lembrou que xornadas coma esta resultan fundamentais para mellorar a atención que se ofrece dende a Administración pública a aquelas persoas con escaseza de recursos co fin de evitar ou reducir os efectos negativos que provoca a exclusión social.

Pola súa banda, o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, sinalou que a loita contra a discriminación das persoas máis vulnerables debe de continuar na axenda das administracións públicas. Neste sentido, defendeu a necesidade de incrementar coñecemento e a sensibilización fronte aos estereotipos e os prexuízos que aínda persisten na actualidade.

A xornada
A xornada incluíu o relatorio de Sara Mesa, autora do libro Silencio administrativo, no que debateu sobre a relación entre burocracia e aporofobia. Ademais, diversos profesionais na materia trataron polo miúdo temas coma a discriminación colectiva e individual, os agravantes de aporofobia e a comunicación dos dereitos sociais. A actividade completouse cunha exposición dos recursos dispoñibles para atender ás persoas en exclusión social, tanto en España coma en Galicia.

Deja un comentario