+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020

O Concello completa a reforma da rúa San Martiño e do Eirado de Albar Páez


O alcalde visitou esta mañá a obra na que se executan remates e que poderá rematar nuns días.

 

A reforma da rúa San Martiño e o último tramo do Eirado de Alvar Páez está practicamente rematada. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá o desenvolvemento dos últimos traballos que estarán rematados nuns días e saudou a algúns veciños do lugar que se achegaron até a visita.

O alcalde acompañado do concelleiro delegado de Patrimonio histórico e da zona monumental, Xaquín Moreda, cualificou a obra de “preciosa” e recordou que “é unha das poucas rúas do barrio de Santa María que quedaba por modernizar”. Na actualidade xa conta con servizos soterrados -“que a larga son as obras que máis se valoran”- como gas, rede de cabo, separativo de augas pluviais e residuais, abastecemento de auga potábel…

Fernández Lores lembrou que queda pendente de actuar nunhas 9 ou 10 rúas do centro histórico “por debaixo do 30%”, e adiantou que o Concello continuará a actuar nestas rúas pendentes “a medida que teñamos dispoñibilidade orzamentaria”. De feito, adiantou que a próxima reforma será na rúa Pasantería.

A reforma da rúa San Martiño está sendo executada pola empresa Elsamex cun orzamento de contratación de 138.303 euros (a licitación era de 181.500 euros) a cargo dos fondos públicos da Área de rehabilitación integral (ARI) do centro histórico. A obra segue a estética doutras actuacións do centro histórico. No Eirado de Albar Páez ten chapacuña nos laterais da rúa e a pedra habitual da zona vella no espazo central; e en San Martiño, a intervención inclúe, ademais do pavimentado en pedra, a renovación dos servizos e da iluminación.

 

 

Logo dunha pequena actuación na Enfesta de San Telmo co fin de garantir a accesibilidade nunha vivenda, da rehabilitación feita no primeiro tramo do Eirado de Alvar Páez e das rúas Tristán de Montenegro e Pratería Vella, con esta actuación queda completada a renovación da contorna traseira do Campiño.

Deja un comentario