+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

Oito comparsas e sete grupos animarán o Gran Desfile do Entroido de Marín


Hoxe rematou o prazo para a inscrición de comparsas e o xurado do Entroido repartiuse as tarefas na última reunión organizativa que tivo lugar onte.

O Entroido de Marín enfila a fin de semana grande da súa programación con toda a maquinaria funcionando para que os desfiles saian á perfección. Hoxe rematou o prazo de inscrición de comparsas, sendo un total de 8 as que participarán no Gran Desfile do domingo: Amigos dos rapaces, Os do Pinsel, Os Miúdos, Os Solfamidas, Os Paparrulos, Os da Caña, Amoriños de Bora e Flores de Carnaval.
No que respecta aos grupos, participarán sete no desfile de adultos, que serán “Harry Potter chegou a Marín”, “Amigos dos rapaces”, “Os Revoltosos de San Xulián”, “Tinta Femia”, “As Faltriqueiras”, «Talismán”, e “A semente de Salcedo”. No desfile infantil do sábado, os grupos participantes serán “Tokyo 2020 A Laxe”, “Escola de Gladiadores”, “Fondo de Bikini”, “Peixiños de Marín” e “As Emocións da Inmaculada”.
As inscricións aínda están abertas tanto para grupos como para parellas, podendo anotarse o mesmo día do desfile, previamente nos lugares indicados no programa repartido polo Concello.
Pola súa banda, o xurado do Entroido reuniuse onte pola tarde para pechar os últimos preparativos. Este órgano está conformado por 16 persoas e conta con representantes dos tres partidos políticos da Corporación e por membros de asociacións vinculadas co Entroido, así como con outros participantes voluntarios. De feito, este ano entraron a formar parte do xurado novos voluntarios que pediron participar.
O Concello quere agradecer a todas as persoas que forman o xurado a súa dedicación durante dúas tardes e recorda que as comparsas de Marín non concursan, senón que xa reciben unha contía de 1.000 euros por convenio, que pode ascender ate 1.700 euros no caso de participar noutros momentos do Entroido, como o desfile de Seixo ou o Enterro da Sardiña.

Deja un comentario