+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

O freestyle encherá a Finca de Briz de rap e arte urbana


Este sábado, a partir das 18.00 horas e despois de que remate o Desfile Infantil do Entroido, a Finca de Briz acollerá unha batalla de gallos, enfrentamentos verbais de rapeiros que poderán optar a competir a nivel nacional.

A contorna da Finca de Briz leva desde hai un ano acollendo batallas de rap de xente nova, que se xunta nas gradas da finca para retarse cas palabras nunha nova disciplina artística e musical que atrae a infinidade de aficionados.
Agora, o grupo Best Hit Battles, formado por dous rapaces de Marín, Bastián Hermo Buceta e Pablo Vázquez Ruano, que están detrás destas convocatorias, van máis alá, ca organización dunha clasificatoria a nivel autonómico, que servirá de pasarela para a final deste campionato galego, en cuxa organización colabora o Concello de Marín.
Prevese que poidan asistir máis de 300 persoas, especialmente xente nova, a este evento, no que competirán entre 30 e 50 rapaces e rapazas. Será unha primeira clasificatoria, para a que as inscricións están aínda abertas escribindo unha mensaxe privada á conta de Instagram de Best Hit Battles (@bhb.edition).
O custe da inscrición é de 3,50 euros por persoa, diñeiro co que recadarán os fondos para que a persoa que gañe o campionato galego poida viaxar ata Alicante e representar a Galicia no campionato a nivel estatal que se celebrará en agosto nesa cidade.
A final do campionato, no que se enfrontarán os 16 clasificados nas clasificatorias, terá lugar o 16 de maio, tamén en Briz. En caso de que chova, ambos eventos trasladaranse ao Pavillón do Sequelo.

Deja un comentario