+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020

A Xunta dá novos pasos para completar o mapa da intermodalidade que fai posible que hoxe as sete cidades galegas teñan estacións intermodais en obras ou cun proxecto definido


A Xunta duplica a súa achega económica ao financiamento dos accesos da intermodal de Vigo, pasando dun investimento de 1,7 M€ a 3,4 M€
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, explicou hoxe, na rolda de prensa do Consello, os novos pasos para completar o mapa da intermodalidade en Galicia, que fai posible que hoxe as sete cidades galegas teñan estacións intermodais en obras ou en proxecto maduro de tramitación.

O Consello acordou duplicar a achega económica da Xunta ao financiamento dos accesos da estación intermodal de Vigo, pasando dun investimento de 1,7 millóns de euros a 3,4 millóns.

“Nesta estación, o investimento da Administración autonómica é de arredor de 16 millóns de euros”, dixo, lembrando que, a estación intermodal de Vigo está en plena construción, coa execución do Centro Vialia e a construción da estación de autobuses que, a partir de 2021, albergará dous millóns de pasaxeiros ao ano.

Coa aprobación hoxe do incremento da achega ao financiamento dos accesos a Xunta eleva o investimento na intermodal de Vigo ata case 18 millóns de euros.

Así mesmo, subliñou que o Consello acordou tamén iniciar a tramitación urbanística da estación de autobuses intermodal da Coruña, a través da Lei autonómica de medidas en materia de proxectos de urxencia ou especial interese público.

“Contamos cun proxecto redactado para a estación de autobuses intermodal que suporá un investimento autonómico duns 17 millóns de euros”, confirmou, aseverando que o obxectivo é que a tramitación urbanística estea rematada nun prazo aproximado de 8 meses, de forma que a Xunta estea en condicións de licitar as obras a finais deste mesmo ano.

“As intermodais están en marcha para preparar a chegada do tren de alta velocidade, para mellorar a mobilidade do transporte público e para actuar sobre determinadas áreas urbanas onde se instalan”, abundou.

Ademais de actuar nas infraestruturas do transporte público, Feijóo lembrou que Galicia está inmersa nunha modernización integral do transporte público, desde unha perspectiva global: actuando nos servizos e renovando todas as liñas de autobús que percorren a Comunidade; e actuando, tamén, nas tarifas, como proba o feito de que, desde o pasado 1 de xaneiro, os mozos de menos de 21 anos xa viaxan gratis nas áreas de transporte metropolitano.

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, incidiu en que a Xunta está a investir actualmente máis de 45 millóns de euros nas obras das estacións intermodais que estarán rematadas entre este ano e 2021.

Concretou que a estación intermodal de autobuses de Santiago prevé o seu remate entre os meses de xuño e xullo, e a de Ourense estará rematada tamén o vindeiro verán. Na intermodalidade na cidade de Pontevedra as previsións fixan o seu remate a finais deste mesmo ano ou a comezos de 2021, e en Vigo se traballa co obxectivo de que as obras da Xunta estean rematadas na primeira metade de 2021.

Isto é posible, engadiu a conselleira, grazas ao traballo desenvolvido e que fai posible que a intermodalidade do transporte público estea activada nas sete cidades galegas, preparando a Galicia para apostar con determinación polo transporte público e para aproveitar ao máximo a chegada do AVE.

Deja un comentario