+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020

Piñeiro considera que o GES de Ulla-Umia é “fundamental” para a seguridade e vaino pedir para Moraña ante a renuncia de Caldas


“Sempre quixen este servizo, xa que acurta enormemente a atención das incidencias, e o noso Concello está disposto a asumilo”, sinala

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, valorou hoxe a situación da atención das emerxencias na bisbarra Ulla-Umia ante a supresión do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) que estaba en Valga e considera “fundamental” que este servizo se retome “canto antes” para prestar unha axeitada atención á cidadanía.

Ademais, valorou moi positivamente a proposta da Comisión de Seguimento (Xunta, deputacións e Fegamp) de que o GES se emprazara en Caldas de Reis e lamentou a renuncia deste Concello a acollelo. Non obstante, adiantou a súa intención de solicitalo formalmente para Moraña, aínda que para elo debería incluirse ao municipio no ámbito do GES, o cal non sería un problema porque cumpre todos os requisitos técnicos. “Todos os concellos pedimos máis servizos ás administracións e lamentamos cando non poden atender as nosas peticións, porque os fondos non son infinitos, e por iso non entendo que Caldas non asuma este servizo, que ademais é ancellado por moitísimos concellos de toda Galicia. E de feito, Moraña quere este servizo porque é un servizo que quero darlle os nosos veciños”, sinalou a rexedora.

Luisa Piñeiro, que agarda que a Comisión de Seguimento valore a proposta técnica e a disposición do Concello de Moraña e aprobe a solicitude, deixou claro que, con este ofrecemento, simplemente está a ser coherente co seu proxecto en materia de emerxencias e atención á cidadanía: “Sempre quixen este servizo, xa que, ademais de ser imprescindible para a bisbarra, acurta enormemente a atención das incidencias no noso concello e eliminaría toda zona de sombra, polo que manteño a miña posición e resalto que estamos dispostos a asumilo. Aínda que teña un custo, mellora enormemente a atención aos nosos veciños, que para min é o máis importante”.

Polo demais, a alcaldesa tamén estimou que a postura de Caldas de renunciar a acoller o GES malia ser a cabeceira comarcal “baséase en excusas peregrinas que só deixan entrever un manexo partidista e electoralista do GES cando creo que o fundamental é prestar o servizo canto antes á cidadanía”.

 

“A Mancomunidade está inoperativa e sen actividade dende hai máis de cinco anos e atópase en vías de disolución, tal e como e reflicte un escrito da secretaría mandado á Xunta. Polo tanto creo que esta vía non é a solución cando ademais o noso concello quere este servizo. Estamos dispostos a asumir o custo, que tampouco é tan elevado para as vantaxes que aporta pola rápida resposta que ofrece a centralidade. Así, dende Moraña imos ser responsables coa cidadanía e solicitamos formalmente acoller o GES con todas as consecuencias, sen excusas, porque os veciños queren solucións, non excusas”, concluíu a rexedora.

Deja un comentario