+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020

Un verquido de gasóleo chega ao Gafos procedente do polígono do Campiño


Foron arredor de 400 ou 500 litros dun vehículo situado nunha das naves do polígono.

 

O Concello de Pontevedra detectou esta tarde un verquido de gasóleo ao río Gafos procedente da rede de augas pluviais dunha nave do polígono industrial do Campiño. Unha vez detectado, o Concello a través da empresa concesionaria do Ciclo da Auga, Viaqua, tratou de facer unha limpeza da rede de pluviais para evitar a entrada de máis combustible á rede.

Responsables da empresa do Campiño foron os encargados de chamar ao 112 advertindo do sucedido. Alertaron de que un vehículo cunha carga duns 400 ou 500 litros de gasóleo estaba tendo perdas de combustible. O vehículo inicialmente dentro da nave, saíu a unha das vías do polígono perdendo a maior parte do gasóleo na rúa, motivo polo que chegou á rede de pluviais, e de aí ao río Gafos.

A Policía alertou á empresa Ferrovial do sucedido para que acudise a limpar a calzada e evitar perigos co tráfico rodado, e tamén avisou á Garda Civil competente nese ámbito.

A Policía tamén se puxo en contacto coa empresa Viaqua para dar conta do sucedido e que tomase mostras do verquido. Viaqua tamén tratou de evitar que parte do verquido seguise afectando ao Gafos e tratou de limpar a rede de pluviais para retirar a maior parte de combustible.

Deja un comentario