+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

Soutomaior aproba un orzamento record de case 5 millóns para 2020


O goberno local destinará máis de medio millón de euros para afrontar dous grandes investimentos no medio ambiente, a compra dos terreos para a nova depuradura e a mellora da rede de saneamento de fecais e pluviais
O pleno municipal de Soutomaior aprobou esta mañá os seus orzamentos para este ano. A previsión ascende a case cinco de euros (4.907.929 €), aos que haberá que sumar os investimentos que se realizarán con financiamento procedente da deputación e outros entes supramunicipais.
O alcalde de Soutomaior, o popular Agustín Reguera, definiu estes novos orzamentos como “realistas e baseados na eficiencia na xestión. Aseguramos o mantemento de todos os servizos controlando o gasto corrente, incrementando algunhas partidas á vez que mantemos a Débeda 0, e pensando sempre nos veciños e no desenvolvemento do noso municipio”.
A previsión para este ano contempla un aumento xeneralizado en case todas as partidas. Destaca especialmente a subida destinada á concellería de Educación, que pasa de 139.000 a 200.000 euros, a raíz do cambio no servizo de limpeza do CEIP Padin Truiteiro. Un servizo que antes dependía da Xunta de Galicia e que agora, desde a chegada dos alumnos de infantil procedentes do antigo colexio de Oliveira, está sufragado polas arcas municipais.
A outra partida que ascende considerablemente é a dedicada ás políticas de protección social, que crece un 8% pasando dos 336.000 euros do exercicio pasado a 361.000. Neste sentido Reguera explicou durante o pleno que “Seguiremos dando resposta a todas as necesidades de protección e promoción social, como a asistencia social primaria e os programas de cofinanciamento da dependencia”.
Do mesmo xeito, o novo orzamento contempla unha subida salarial do 2% para os empregados municipais relejado na partida de persoal. Unha mellora na que non se inclúen as retribucións do equipo de goberno, que serán as mesmas que o pasado ano.
A previsión de gasto para a concellería de Igualdade continúa estando entre as principais con 85.000 euros que se destinarán a novos proxectos do Centro de Información á Muller e ao desenvolvemento de campañas de concienciación nos centros educativos.
Do mesmo xeito, a partida para estimular o emprego e a actividade comercial no municipio permanece nos 194.000 euros, “ao que hai que sumar que un ano máis, os hostaleiros de Soutomaior, non pagarán nin un euro polas súas terrazas”, destacou o alcalde.
Do mesmo xeito, “hai partidas que podemos baixar debido á boa xestión e ás melloras realizadas durante estes anos”, confirmou Reguera, referíndose á previsión do gasto eléctrico municipal, “Grazas á iluminación LED que instalamos en varios puntos do municipio, está previsto que podamos aforrar máis de 15.000 euros anuais en electricidade. É un aforro moi importante e con cada mellora que fagamos máis aforraremos”.
Case un millón de euros en investimentos
O capítulo de investimentos que se realizarán no municipio este ano pode ascender ata o 20% do orzamento municipal. Con fondos propios do consistorio está previsto afrontar dous grandes proxectos, a compra dos terreos da futura depuradora de Arcade, para a que se reservan máis de 150.000 euros, e as melloras na rede de saneamento de augas fecais e pluviais, para as que se dedicarán máis de 250.000 euros.
Ademais, a pesar de non estar aínda contabilizados no orzamento, haberá que sumar 390.000 euros procedentes do Plan Concellos da Deputación e as diversas subvencións da Xunta de Galicia. Desta maneira, sumando todas as achegas, é moi probable que sexa máis dun millón de euros o que o Concello de Soutomaior destinará este ano a realizar investimentos no desenvolvemento do municipio.

Deja un comentario