+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

A Xunta non informa a Salceda do novo Plan de Transporte


O Concello de Salceda de Caselas ven de manifestar a súa preocupación ante a falta de información por parte da Xunta de Galicia así como da empresa adxudicataria dos horarios de autobús que existirán no municipio a partires do vindeiro 24 de febreiro, día en que se producirá o cambio de empresa, pasando a pertencer o servizo a Monbús.
A día de hoxe o Concello non ten ningún tipo de comunicación onde se informe do cambio de empresa nin dos posibles cambios de horarios que poidan existir, feito que preocupa especialmente, conscientes dos graves problemas que poden carrexar estes posibles cambios á veciñanza ante este total descoñecemento da situación.
O Concello ten xa solicitado á Dirección Xeral de Mobilidade toda a información que poida facilitarse do novo servizo, sen que a día de hoxe se teña recibido resposta. Lamentan dende o Concello que a Xunta non tivese a ben informar coa antelación suficiente tanto ás persoas afectadas como ao Concello, por ser a administración máis próxima ás persoas usuarias.
Lucía Pereira, Concelleira de transporte: “A nosa preocupación por esta situación é absoluta, e lamentamos profundamente non poder facilitar información á veciñanza. Só nos queda agardar que a partires do luns non se produzan situacións que prexudiquen ás persoas usuarias do transporte público, e agardamos que dende a Xunta de Galicia se nos facilite información canto antes para poder trasladala á veciñanza”

Deja un comentario