+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020

O goberno lembra que os datos oficiais confirman que Ponteareas é un concello seguro


 

O executivo considera irresponsábel que ACIP afirme sen datos que Ponteareas é insegura e que non hai vixilancia de noite pois non é certo e pode provocar un efecto chamada
O goberno municipal saíu ao paso das afirmacións do Grupo Municipal ACIP quen nun comunicado de prensa debuxou unha Ponteareas dominada polo crime e a delincuencia. O grupo independente asegurou que en Ponteareas “os delincuentes campan ás súas anchas”, que os veciños “sufren roubos constantemente”, que a situación é “insostible”, que a veciñanza “teme pola súa integridade ao acceder aos seus garaxes, os cales son pasto dos delincuentes” e que “hai certas zonas do centro urbano que non se pode pasear pola noite”. Ademais, ACIP atribúe esa suposta situación “á falta de patrulla nocturna”.
O goberno local lamenta que ACIP lance unha mensaxe falsa sobre a seguridade cidadá en Ponteareas. “Non se poden facer esas afirmacións sen datos serios e rigorosos, transmitindo unha falsa imaxe de Ponteareas e do funcionamento da Policía. É unha gravísima irresponsabilidade que só sirve para xerar un efecto chamada entre a delincuencia”.
O goberno lembra que os datos oficiais que se analizan nas Xuntas Locais de Seguridade cada ano, cos responsabeis das forzas de seguridade do Estado, reflicten que a delincuencia en Ponteareas, ademais de ser baixa e non diferente a outras localidades semellantes, ten unha tendencia á baixa desde hai tempo.
O goberno afirma que non é certo que non haxa patrulla nocturna: “Ponteareas sigue manténdoa a pesares de que concellos como Tui, Cangas, Baiona, A Estrada ou O Carballiño tiveron que suprimila pola escaseza de persoal, un problema que afecta a numerosos concellos, non só a Ponteareas, como consecuencia das xubilacións anticipadas que se produciron por un cambio lexislativo e a lentitude dos procesos de selección de novos axentes”.
Respecto á plantilla, o goberno afirma que “non é certo que as vacantes non se cubriran. Todas as vacantes desde o ano 2015 estanse cubrindo e esta mesma semana a Academia Galega de Seguridade comunicou xa a selección de catro novos axentes para Ponteareas que se incorporarán no verán. Este ano tamén se iniciarán os procesos para cubrir outras tres vacantes. As únicas prazas que se perderon por non convocalas correspóndense cos gobernos do PP e independentes, antes de 2015”.
Ponteareas conta actualmente con oito axentes activos e seis auxiliares temporais o que obriga a que a plantilla realice servizos extraordinarios para asegurar o mantemento dos tres turnos diarios de traballo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Deja un comentario