+034 986 09 02 04 Sábado 30 de Maio de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación abre o prazo de inscrición para a terceira ruta ornitolóxica do programa  “Voando nas Rías Baixas”


O esteiro do Miño e a foz da Ramallosa serán os escenarios deste novo roteiro guiado e gratuíto que se desenvolverá no sur da provincia o vindeiro 8 de marzo

A Deputación de Pontevedra abrirá este luns, ás 9.00 horas, o prazo de inscrición para a terceira das rutas ornitolóxicas programadas dentro da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife, que permitirá ás persoas que asistan coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística do esteiro do Miño e a foz da Ramallosa. Deste modo, ofértanse 25 prazas para a excursión guiada de carácter gratuíto que terá lugar o 8 de marzo. A inscrición deberá facerse por vía electrónica na páxina web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/voando-nas-rias-baixas).

Os dous escenarios da ruta ornitolóxica, no sur da provincia, son espazos protexidos pola Rede Natura 2000. O esteiro do río Miño atópase no concello da Guarda e a foz da Ramallosa ou do río Miñor na comarca do Val Miñor. Así, ambos os dous territorios forman esteiros intermareais que contan cunha enorme diversidade de hábitats que atraen infinidade de aves. Todos aqueles que asistan poderán gozar da visualización tanto de aves acuáticas coma de aves mariñas, rapaces ou paxariños palustres que procuran refuxio nas ribeiras.

Entre os exemplares que poderán ser avistados atópanse as limícolas coma mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías, variedade de gaivotas, diferentes especies de parrulos, garzas, rálidos, mergullóns, ademais de aves mariñas coma os carráns cristados. Ademais, tamén se ven aves rapaces, entre as que destacan a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora, da que é posible observar a súa espectacular forma de pescar.

Tras esta terceira ruta, “Voando nas Rías Baixas” continuará cunha cuarta excursión o 31 de maio polas Brañas de Xestoso, nos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada. O prazo de inscrición para o cuarto roteiro estará aberto dende o 18 de maio ó 27 de maio. Posteriormente, o programa concluirá cunha visita á serra do Suído, na Lama, o 21 de xuño.

“Voando nas Rías Baixas”, que este ano chega a súa terceira edición, trátase dunha iniciativa impulsada xunto a SEO Birdlife e enmarcada no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para sensibilizar á poboación, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Con este programa, a Deputación de Pontevedra aposta pola promoción do turismo ornitolóxico, un turismo sostible e respectuoso co medio.

Deja un comentario