+034 986 09 02 04 Sábado 30 de Maio de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra premia a iniciativa emprendedora na FP cunha nova edición  dos premios Demo Day


Nesta edición de DepoEmprende na FP os proxectos premiados contarán cunha dotación económica cun importe total de 1.900 euros

A Deputación de Pontevedra vén de publicar as bases dos Premios Demo Day correspondentes ao programa DepoEmprende 2019-2020, na modalidade DepoEmprende na FP. O seu obxectivo é promover o lanzamento de proxectos emprendedores impulsados polo alumnado de formación profesional, a través dun proceso que permita identificar e apoiar proxectos con potencial desenvolvemento.

Este ano os premios contan cunha dotación económica de 1.900 euros que se repartirán en dúas categorías, distinguindo o alumnado que pertenza a grado medio ou a grao superior. A primeira delas terá un único premio de 700 euros mentres que o alumnado de grao superior poderá optar a dous premios, un de 700 e outro de 500 euros. No caso de que non se acade o número mínimo e concursen tódolos proxectos por igual estableceranse dous premios: un primeiro dotado con 700 euros e un segundo premio dotado con 500 euros.

A finalidade desta convocatoria é promover no alumnado a iniciativa emprendedora así como a actitude necesaria para asumir riscos e responsabilidades. A metodoloxía proposta baséase en que o alumnado elabore un proxecto empresarial relacionado coa familia profesional do ciclo formativo que curse. Os proxectos seleccionados entrarán nun programa intensivo de apoio e asesoramento denominado “Aceleración de proxectos”, o proceso rematará no mes de marzo co acto dos Premios Demo Day, no que se realizará a presentación e a valoración dos proxectos co fin de determinar os premiados.

A convocatoria está dirixida aos centros educativos de FP da provincia de Pontevedra que participan no proxecto DepoEmprende na FP. Estes centros son o CIFP Manuel Antonio, o CPR Daniel Castelao e o CPR San Miguel de Vigo, o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui e o EFA A Cancela das Neves. Do mesmo xeito, participan no programa o IES Montecelo e o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, o IES Johan Carballeira de Bueu, o IES de Rodeira de Cangas e o IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar.

DepoEmprende na FP é unha das tres categorías nas que se divide o programa DepoEmprende para escolares. Unha iniciativa que busca fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo, DepoEmprende tamén favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.

Deja un comentario