+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

As prazas da Deputación para a  III Ruta Ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas”  “voaron” en tres minutos


O esteiro do Miño e a foz da Ramallosa serán os escenarios o vindeiro 8 de marzo desta iniciativa gratuíta da Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife

Tan só 3 minutos foron suficientes para cubrir esta mañá as 25 prazas dispoñibles para participar na terceira excursión do programa “Voando nas Rías Baixas”, a iniciativa ideada pola Deputación de Pontevedra en colaboración a SEO Birdlife. Esta ruta ornitolóxica guiada de carácter gratuíto terá lugar o vindeiro 8 de marzo e permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística do esteiro do Miño e a foz da Ramallosa, dous territorios do sur da provincia de Pontevedra protexidos pola Rede Natura 2000.

A desembocadura do Miño e a foz da Ramallosa, escenarios nos que se desenvolverá a actividade, abranguen os concellos da Guarda, Nigrán e Baiona. Así, estes dous importantes enclaves situados no sur da provincia forman esteiros intermareais que contan cunha grande diversidade de hábitats e atraen infinidade de aves, polo que os asistentes poderán gozar da visualización tanto de aves acuáticas coma de aves mariñas, rapaces ou paxariños palustres que procuran refuxio nas ribeiras.

Entre os exemplares que poderán ser avistados atópanse as limícolas coma mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías, variedade de gaivotas, diferentes especies de parrulos, garzas, rálidos, mergullóns, ademais de aves mariñas coma os carráns cristados. Ademais, tamén se ven aves rapaces, entre as que destacan a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora, da que é posible observar a súa espectacular forma de pescar.

“Voando nas Rías Baixas”, o programa da Deputación en colaboración con SEO Birdlife no que se atopa inserida esta excursión, enmárcase no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Esta edición está composta por cinco rutas. A primeira delas tivo lugar na enseada de San Simón o 26 de xaneiro. Despois da visita ó Complexo Intermareal Umia-O Grove o 16 de febreiro e ó esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa este 8 de marzo, a iniciativa viaxará ás Brañas de Xestoso o 31 de maio e á Serra do Suído o 21 de xuño. Para a cuarta ruta guiada, o prazo abrirase o 18 de maio.

En todos os roteiros se dispón de material para a observación das aves e de guías de SEO-Birdlife que achegarán ás persoas participantes toda a información sobre onde localizar as aves e as súas características. Estas actividades teñen unha dobre finalidade: concienciar a poboación sobre a conservación dos recursos naturais e achegarlle á cidadanía pontevedresa unha actividade turística diferente.

Deja un comentario