+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

Rúas ateigadas de xente no primeiro día do desfile de comparsas


A programación de entroido continúa co concurso de disfraces, o desfile de mañá martes e o enterro da sardiña, entre outras actividades
A concellería de Eventos, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, destaca a alta participación de público no primeiro desfile de comparsas. Rúas e prazas ateigadas de persoas que elixiron Ponteareas para gozar do entroido.
Máis de oitocentas persoas desfilaron polo centro urbano facendo gala do mellor humor agasallando ao público creatividade e espontaneidade.
As comparsas Batucada CDM, Carnavaleros Espaciales, Saladino, Comparsa Confarsa, Viva España, Cultura Oriental, Brincafuturo, Ondiñas de Papel, Circo do Sol, Os Campechanos e Larga Vida: non temas a morte, desfilaron dende a Praza Bugallal, Senén Canido, Amado Garra, Rosalía de Castro, Concha Brey, Constitución, Bugallal, e rúa Oriente para chegar á Praza Maior e dar paso á lectura de coplas; ao desfile de mañá sumarase a comparsa Mondariz, Baixo o Mar para mergullarnos tamén na maxia do entroido.
Máis entroido
As actividades de entroido continúan e esta tarde a partir das 17:30h terá lugar o concurso de disfraces na categoría infantil presentado polo pallaso Popin e ás 19:30h na categoría adulto conducido por Gossip Bufón. As inscricións deberán realizarse na propia praza dende as 17h e haberá premios para os cinco mellores disfraces de cada categoría.
Mañá martes 25 o mercado municipal acolle o obradoiro de doces de entroido para nenas e nenos en colaboración con BANASTRA e previa inscrición no número de teléfono 644 896 840. Ás 19:30h as comparsas tomarán o protagonismo para desfilar polo centro urbano acompañadas de música e animación. Ao remate, entrega de mencións e diplomas ás comparsas na Praza Maior e actuación da The Turre`s Band.
O enterro da sardiña pechará o entroido o mércores día 26 ás 20:30 horas saíndo da Casa do Concello acompañada da charanga SDK para dar lectura ao testamento na Praza Maior.
A concellería agradece o traballo e o espectáculo que ofrecen as comparsas que fan posible que se multiplique a ledicia do entroido e non se perda esta tradición.

Deja un comentario