+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020

Feijóo pon en valor o traballo dos concellos ante o reto demográfico e aposta por seguir traballando todos xuntos para dinamizar o rural galego


Destaca as iniciativas que, en materia de rehabilitación, conciliación e turismo, están a desenvolver os concellos premiados da Veiga, Parada de Sil e Cervo, como exemplo da implicación dos municipios para fixar poboación con máis e mellores oportunidades e servizos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, puxo hoxe en valor o traballo dos concellos ante o reto demográfico e avogou por seguir traballando todos xuntos para dinamizar o rural galego e para construír unha Galicia cada vez máis vertebrada na que os galegos do rural conten coas mesmas oportunidades e servizos que o resto da Comunidade.

Durante a entrega dos Premios á Dinamización Demográfica 2019, Feijóo incidiu en que a demografía é un dos maiores retos aos que se enfronta non só Galicia, senón Europa, e que convoca a todos precisando de consenso e colaboración. “Por iso en 2018 Castela e León, Asturias, Aragón, A Rioxa, Castela-A Mancha e Galicia reunímonos para facer un Pacto pola Demografía e mandar unha mensaxe ao conxunto dos presidentes autonómicos”, recordou, insistindo na necesidade de buscar fórmulas que prioricen as políticas neste eido.

Nesta mesma liña, destacou as iniciativas que están a desenvolver os concellos galardoados, esta mañá: A Veiga, Parada de Sil e Cervo.

No tocante ao concello da Veiga –primeiro premio-, Feijóo resaltou que os proxectos postos en marcha conseguiron non só traer de volta a varios veiguenses, senón tamén atraer novos veciños.

“Estamos a falar dunha aposta decidida polo emprego, a rehabilitación, o turismo e o benestar social”, dixo, referíndose á posta en marcha dun viveiro empresarial a disposición dos veciños interesados en emprender no sector agrario; á posta en valor de produtos da zona como o mel, as fabas e os cogomelos das Montañas de Trevinca ou o fomento da plantación de novos soutos.

O presidente da Xunta salientou, ademais, a rehabilitación de vivendas baleiras en desuso e de antigas casas-escola para alugueiro. Para potenciar o turismo, recordou que o Concello conta, desde 2015, coa certificación como destino turístico Starlight pola excelente calidade do ceo e, desde 2017, co Centro de visitantes da zona especial conservación Pena Trevinca; e, no eido do benestar social, resaltou as axudas á natalidade e ao transporte, así como os programas de conciliación e actividades de envellecemento activo.

En relación ao segundo premiado, Parada de Sil, valorou dúas iniciativas: unha destinada a fomentar o asentamento de novas familias e de xente nova, a través da rehabilitación dun grupo de casas en ruínas no núcleo de Fondevila para comezar cinco vivendas unifamiliares. E outra, para impulsar a conciliación laboral e familiar, coa reforma dunha antiga construción para albergar un espazo de coidado e casa de lecer para nenos menores de 10 anos en períodos vacacionais, así como na época escolar para os nenos en idade previa á escolarización obrigatoria.

Sobre o terceiro premiado, o titular do Executivo galego eloxiou as medidas que está a promover o municipio de Cervo para fomentar o asentamento das familias no concello, como: a rehabilitación de inmobles para crear espazos de traballo destinados aos novos emprendedores; ou a organización de encontros de dinamización empresarial que fomentan o espírito emprendedor entre a mocidade, como o programa Revívate, dirixido aos mozos de Sargadelos.

Ademais das axudas á escolarización ou as bolsas de formación a titulados universitarios ou de Formación Profesional; a ampliación do programa de conciliación da vida persoal, familiar e laboral; ou as actividades de voluntariado cultural tanto para a xuventude como para os maiores de 55 anos, Feijóo resaltou a xestión do Concello do servizo SAF Básica para persoas que precisan de axuda a domicilio.

Deja un comentario