+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020

O Fondo Galego asume a Vicepresidencia da Confederación de Fondos a nivel estatal


O alcalde de Nigrán, que presidía a entidade desde 2017, traspasoulle o cargo á vicepresidenta do Fons Català de Cooperació na asemblea celebrada en Bilbao
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade exercerá a Vicepresidencia da Confederación de Fondos de Cooperación durante os vindeiros catro anos. Así o decidiron os nove fondos do Estado que a conforman durante a asemblea celebrada en Bilbao, onde o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, cedeu a Presidencia da Confederación á vicepresidenta do Fons Català de Cooperació al Desenvolupament e rexedora de Santa Coloma de Gramenet , Núria Parlón.

A delegación galega completouse coa presenza da concelleira de San Sadurniño Ana B. Gundín e do edil de Cartelle Daniel Fernández, respectivamente vicepresidenta e tesoureiro do Fondo Galego, canda a secretaria da entidade, Andrea García Corzo. Todas e todos eles participaron tamén nas Xornadas ‘Cooperación descentralizada para o desenvolvemento: unha visión local e rexional ante os desafíos globais’, organizadas polo Goberno Vasco.

“Cando asumimos a Presidencia da Confederación a finais de 2017 propuxémonos reactivar este espazo de encontro, debate, aprendizaxe e unión da cooperación municipalista”, lembrou na súa intervención Juan González, que deu por acadado o reto. O presidente do Fondo Galego apuntou ademais que a Confederación “supón un marco inigualable para pór en común as nosas preocupacións, os atrancos que atopamos e traballar en defensa da cooperación ao desenvolvemento impulsada desde o local”, se ben admitiu que “son moitos os desafíos que quedan por diante” no contexto da Axenda 2030 aprobada pola ONU.

A renovación do Consello Confederal foi o eixo central da asemblea celebrada o mércores día 19 no Palacio Yohn, na que o Fons Menorquí de Cooperació pasou a ocupar a Secretaría da Confederación de Fondos, mentres que a Tesourería foi asumida polo Euskal Fondoa. As demais entidades ficaron con cadansúa vogalía: Fons Valencià per la Solidaritat, Fons Pitiús de Cooperació, Fondo Andaluz de Municipios para la Solidariadad Internacional (Famsi), Fondo Extremeño Local de Cooperación al Desarrollo (Felcode) e Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació. A Confederación representa a un milleiro de municipios e deputacións con proxectos de desenvolvemento en máis de trinta países.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Deja un comentario