+034 986 09 02 04 Domingo 09 de Agosto de 2020

Ponteareas renovará o convenio coa Deputación  de cesión e uso do Castelo do Sobroso


Dende o ano 2015 a Deputación de Pontevedra destinou máis de 840.000€ na mellora da edificación e da finca do Castelo
O novo convenio permitirá investir máis de 330.000€ nos dous primeiros anos para a musealización e reforestación da finca
O goberno do BNG-PSOE levará ao pleno ordinario de hoxe martes a renovación do convenio coa Deputación de Pontevedara para a cesión e uso do Castelo do Sobroso.
O goberno aprobará en pleno a renovación dunha alianza que dende o ano 2015 destinou máis de 840.000€ á mellora da edificación e da finca do Castelo co obxectivo de revitalizalo e polo en valor.
A renovación do convenio permite prever un investimento de máis de 330.000€ para estes anos enfocados para a musealización e reforestación da contorna do Castelo na que se investirán máis de 45.000€ no bosque Atlántico no que xa se traballou nestes anos na erradicación de especies invasoras e na creación de sendas que permiten ás e aos visitantes coñecer as distintas especies como carballos, castiñeiros, sobreiras, camelias, cipreses e árbores froiteiras.
“Iniciamos así unha nova etapa para ensalzar o noso Castelo medieval e a súa contorna, unha riqueza do noso patrimonio histórico que atrae cada ano a milleiros de visitantes”, explica o Alcalde, Xosé Represas que destaca o intenso traballo de colaboración realizado nestes anos entre o Concello e a Deputación.
Co obxectivo posto na musealización, deseñaránse accións e actividades tendo en conta as diferentes potencialidades que posúe o Castelo e a súa finca: a paisaxe, o seu posicionamento xeográfico que o fai ter o control sobre o territorio que o arrodea, a arquitectura, a historia ligada á propia edificación así como as vivenzas e as peculiaridades das propias persoas que o ocuparon nas diferentes etapas da súa historia sen esquecer as lendas que foron transmitidas de xeración en xeración ao longo dos séculos.
A musealización fixará os contidos a desenvolver e os recursos e medios tecnolóxicos máis axeitados para divulgar este destino turístico que cada ano recibe máis de 20.000 visitas sendo de especial atractivo para as familias, a comunidade educativa e os grupos organizados que chegan de todo o territorio do Estado e de Portugal.
O Alcalde salienta a importante atractivo turístico que posúe o Castelo do Sobroso ademais do grande valor patrimonial e aposta por seguir traballando en conxunto coa Deputación para difundir unha parte da nosa historia a través deste emblemático paraxe, “é un privilexio contar no concello con este patrimonio que engrandece a comarca e que non debemos esquecer. Darlle unha nova vida e permitirlle que nos faga coñecedores da historia das nosas xentes”.

Deja un comentario