+034 986 09 02 04 Xoves 02 de Abril de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O Goberno da Deputación lémbralle ao PP que a débeda estatal co IVE de Galicia débese a que o goberno de Rajoy inventou en 2017 “os anos fiscais de 11 meses”


 

Carlos López Font considera “de chiste” que un dos moitos deberes herdados polo actual Goberno de España sexa contrarrefomar os cambios da normativa sobre recadación de Cristóbal Montoro para restaurar os anos de 12 meses

López Font: Que fixo o PP cando se aprobou este disparate? Actuar como a procesión dos caladiños e daqueles pos estes lodos, pero son os seus lodos, así que se alguén ten que pedir perdón á sociedade galega son vostedes”

A Deputación de Pontevedra desbotou, en sesión plenaria, unha moción do Partido Popular sobre a débeda estatal con Galicia a propósito da recadación do IVE do mes de decembro de 2017. O Goberno provincial (PSdeG-PSOE e BNG) votou en contra ao considerala extemporánea, oportunista e mesmo “unha broma”, ao tratarse dun problema xerado pola reforma fiscal exprés aprobada polo Goberno Rajoy sendo Cristóbal Montoro ministro de Hacienda.
Carlos López Font, deputado de Economía e Facenda e voceiro do grupo socialista, subliñou que Galicia xa tiña que ter cobrado eses cartos, correspondentes á liquidación estatal do IVE do mes de decembro de 2017, pero insistiu en debater sobre a orixe do problema. López Font fixo un repaso histórico pola cuestión e debullou que a débeda xerouse pola modificación que Cristóbal Montoro impulsou, vía Decreto Lei, para que as grandes empresas liquidaran o IVE o día 30 de cada mes, en lugar do día 20 como se facía ata entón, co que a recadación de decembro pasou ao ano seguinte. Trala moción de censura, o bloqueo aos Orzamentos de 2019 e o paso a un Goberno en funcións con Orzamentos prorrogados, sen capacidade para xerar o crédito necesario para liquidala. Font lembrou que os Orzamentos de 2019 incluían un mecanismo a tres anos para solucionar o problema por medio da contrarreforma da normativa de Montoro. Así llelo explicou a ministra, María Jesús Montero, ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo nunha xuntanza celebrada a finais de 2018. “Me voy más tranquilo que cuando vine al Ministerio”, declarara daquela Núñez Feijoo aos medios de comunicación. Sen embargo, o PP votou en contra aqueles Orzamentos e, polo tanto, en contra de Galicia. “O señor Feijo, que primeiro era un caladiño, logo protestaba e despois xa estaba máis tranquilo pasou a ser un mandadiño” de Pablo Casado, criticou López Font.
O deputado preguntouse que fixo o PP galego, que agora protesta a diario, mentres o Goberno de Rajoy “inventaba os anos fiscais de 11 meses para maquillar as contas do Estado de cara a Bruxelas e finxir así que cumpría co déficit e os axustes”. “Actuar como a procesión dos caladiños”, respondeu, “nin unha palabra, nin un comentario, nin unha denuncia, e daqueles pos veñen estes lodos, pero son os seus lodos, así que se alguén ten que pedir perdón á sociedade galega, son vostedes”. Carlos Font invitou aos populares a “deixarse de bromas” e, se acaso, buscar culpables botando a vista atrás para lembrar quen gobernaba en España no ano 2017: “quen era presidente do Goberno de España e quen era presidente da Xunta? Uns fixeron e outros calaron”, remachou.
Diante desta situación concluíu a súa intervención instando ao Partido Popular a cambiar de estratexia e poñerse dunha vez a axudar a Galicia falando menos e colaborando máis cun Goberno de España que herdou o problema de Rajoy e Montoro e que está obrigado a contrarreformar “a chapuza que fixo o PP coa normativa sobre liquidación empresarial do IVE”, así como a buscar fórmulas legais para transferir ás comunidades autónomas a débeda xerada no ano 2017 e que impediuse solucionar no ano 2019 co bloqueo aos Orzamentos Xerais do Estado.

Deja un comentario