+034 986 09 02 04 Martes 20 de Outubro de 2020

O Museo inicia este venres as actividades do CCurso de Apreciación m Musical de 2020


As xornadas do primeiro semestre centraranse na música e o seu contexto histórico e na análise dos diferentes instrumentos da orquestra

O Museo de Pontevedra comezará mañá venres unha nova edición do Curso de Apreciación Musical que se desenvolve anualmente nas instalacións do Sexto edificio. Trátase dunha das actividades con máis éxito de público da programación cultural do Museo, reunindo no salón de actos a unha media de 200 persoas en cada sesión.

A persoa encargada de impartir esta actividade centrada nas audicións musicais comentadas será o profesor Manuel López-Benito. Durante o primeiro semestre os cursos serán dous, ‘A música e o seu contexto histórico’, que se realizará todos os venres de marzo (6, 13, 20 e 27) ás 19.30 horas, e ‘Os instrumentos da orquestra’, que se desenvolverá en maio e abril (venres 8, 22 e 29 de maio e 5 de xuño), tamén ás 19.30 horas.

No caso de ‘A música e o seu contexto histórico’, as catro xornadas das que consta o ciclo servirán para explicar algúns dos fenómenos musicais históricos á luz da súa relación cos sucesos culturais que lle son contemporáneos. Incidirase en que a música, como calquera outra disciplina intelectual, non se desenvolve illadamente senón que o fai de maneira conxunta e unitaria co resto do devir histórico e cultural da humanidade. Realizaranse audicións comentadas das obras musicais máis representativas, facendo fincapé nas que supuxeron cambios radicais.

No ciclo sobre ‘Os instrumentos da orquestra’ realizarase un estudo comparado dos diferentes instrumentos da orquestra sinfónica, as súas cualidades tímbricas, os afectos que producen, e as maridaxes que poden formar. Escoitaranse e analizaranse algunhas das obras máis representativas para cada un dos instrumentos obxecto de estudo e completarase a unidade didáctica analizando a importancia da dirección orquestral e a súa evolución ao longo da historia.

Deja un comentario