+034 986 09 02 04 Martes 20 de Outubro de 2020

Medio Ambiente estudará colaborar con concello de Mos na humanización da controna parroquial de San Mamede de Torroso


A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse coa alcaldesa Nidia Arévalo, quen se comprometeu a remitir canto antes o proxecto municipal para humanizar esta zona

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar co Concello de Mos para levar a cabo un proxecto para acondicionar unha zona de esparexemento na contorna parroquial de San Mamede de Torroso. Este foi o compromiso que asumiu a conselleira Ángeles Vázquez no transcurso dunha xuntanza coa alcaldesa Nidia Arévalo, e do concelleiro mosense de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, quenes lle trasladaron a importancia destes traballos para mellorar e poñer en valor unha zona moi concorrida do municipio.

A intervención prevista polo concello, tal e como explicou a rexedora, ten como fin acometer unha serie de obras de humanización e rehabilitación nun espazo que xa nestes momentos serve de punto de encontro para a veciñanza local grazas á súa localización, en pleno centro de Mos e moi próximo á igrexa da parroquia que leva o mesmo nome. Para poder executalo, Arévalo solicitou a colaboración económica da Xunta, comprometéndose a remitir o proxecto construtivo ao departamento de Urbanismo o antes posible.

Pola súa parte, Ángeles Vázquez indicoulle á alcaldesa que estudará a viabilidade de implicarse e cooperar na execución deste proxecto. Neste sentido, lembroulle que a Xunta ten a disposición dos concellos varias liñas de axudas para o desenvolvemento de intervencións urbanísticas que, como esta, buscan potenciar as infraestruturas públicas, os servizos e os equipamentos municipais que contribúen a mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas galegas.

Neste sentido, a conselleira animou á alcaldesa a presentarlle oficialmente o seu proxecto de esparexemento para a contorna parroquial de San Mamede como paso previo para poder analizar as posibles vías de cofinanciamento entre a Consellería e o goberno municipal.

Deja un comentario