+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

MEI e o concello da Lama celebrarán o Día Internacional da Muller cunha homenaxe a seis loitadoras e unha gandeira


O evento realizarase este sábado ás 12 do mediodía no Salón de Plenos do Concello da Lama e está previsto que asista o alcalde, Jorge Canda, e José Balseiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Xunta de Galicia

 

Unha homenaxe a seis aloitadoras e unha gandeira protagonizarán a celebración do Día Internacional da Muller organizado pola Asociación de Mulleres en Igualdade de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas (MEI) en colaboración co Concello da Lama.

O evento, que terá lugar o sábado 7 de marzo ás 12 horas no salón de actos do Concello da Lama e contará coa presenza do alcalde Jorge Canda e José Balseiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Xunta de Galicia.

Neste ano 2020 MEI centra o seu recoñecemento en seis aloitadoras das asociacións cabalares da Lama e Cerdedo-Cotobade, por achegar sororidade á Rapa das Bestas en Cuspedriños. Por outra banda, este colectivo feminista tamén pretende recoñecer a promoción do apoderamento feminino ao sector gandeiro no rural a través de Macarena Solla, veciña de Xende (A Lama).

Cómpre lembrar que a asociación MEI celebrou o pasado ano un acto homenaxe ás mulleres da comarca no Concello de Cerdedo-Cotobade, no que se recoñeceu a traxectoria das xogadoras do Tenorio Fútbol Sala Feminino e tamén, a título póstumo, a Manuela Cortizo, cantareira de Barro de Arén, pola súa labor no ámbito musical.

 

O Concello da Lama celebrará o vindeiro martes día 10, con alumnos e alumnas do colexio da Lama, obradoiros especialmente orientados a mellora-los estereotipos de xénero que desenvolverá o Centro de Información á Muller (CIM). No mes de maio haberá outros dous enfocados xa á diversidade e á identidade de xénero. En ámbolos dous casos terán como destinatarios os alumnos e alumnas de quinto e sexto de educación primaria.

Deja un comentario