+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

A Xunta de Galicia impulsará os usos públicos do Gaiás a través dun Proxecto de Humanización da Cidade da Cultura


Román Rodríguez explicou hoxe que o obxectivo é dotar ao complexo de espazos verdes e de lecer que contribúan á súa integración na cidade e conviden aos cidadáns a incluílo no seu circuíto habitual de actividades de tempo libre

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, sinalou o Proxecto de Humanización da Cidade da Cultura de Galicia como unha acción da Xunta dirixida a impulsar os usos públicos do complexo do Gaiás, co obxectivo final de que se amplíen as opcións de lecer e o uso cultural que este espazo ofrece á cidadanía. Preguntado polos medios de comunicación durante a súa visita á igrexa de san Xiao da Ventosa (Agolada), o titular do departamento de Cultura do Goberno galego salientou que esta nova intervención se enmarca non só nas políticas de acción cultural e ocio familiar do propio complexo, senón tamén no compromiso da Xunta coa cidade de Santiago de Compostela.

Neste sentido o conselleiro explicou que o proxecto contribúe a integrar e imbricar o Gaiás coa cidade, a través da habilitación de sendas peonís iluminadas que unan o cumio do monte coas brañas do Sar. Constituirase, así, un novo espazo peri-urbano para a práctica do deporte, para as andainas das veciñas e veciños e para o goce da cidadanía en xeral; ao tempo que un novo atractivo para os visitantes.

Un corazón natural para o Gaiás
Segundo explicou Román Rodríguez, estas sendas, que sumarán máis de 3,1 quilómetros de traxecto, completarán o – xa en execución- Bosque de Galicia e uniranse a outro das novas zonas verdes contempladas no Proxecto de Humanización: o Xardín Literario, que cubrirá o baleiro agora existente entre o Museo Centro Gaiás e as Torres Hedjuk, que no seu día fóra designado para acoller o edificio do Centro de Arte Internacional (CAI).

O arborado do Xardín Literario estará dedicado ás autoras e autores nados nas 4 provincias galegas e na diáspora, e funcionará como o corazón de natureza do complexo do Gaiás, ideal para o descanso, a lectura ou para gozar das vistas desde o miradoiro que se habilitará nel.

Ampliar a oferta para os nenos
O Proxecto de Humanización péchase coa construción de dúas zonas de lecer para as nenas e nenos que, tal e como sinalou o conselleiro, completan a oferta que xa vén poñendo a Cidade da Cultura a disposición dos máis pequenos da casa.

En concreto construiranse 2 parques nos extremos da Cidade. O da zona Norte – por detrás do Msueo Centro Gaiás- contará cun gran elemento simbólico que recordará á balea de Lugrís, conectando o complexo cun dos principais referentes da vangarda galega. O da área sur, xa en licitación e que podería comezar a construírse este mesmo ano, situarase a carón das Torres Hedjuk, terá un carácter abstracto en sintonía coa súa contorna.

Colaboración interinstitucional
Román Rodríguez quixo destacar que o Proxecto de Humanización como unha actuación que vai contribuír a completar o complexo do Gaiás, “á súa percepción como unha obra rematada e pechada”, dotándoo de novos atractivos e servizos, ao tempo que se minimiza o investimento público.

Neste sentido sinalou que o conxunto da intervención, que ten un custe estimado de 1,3 millóns de euros, levarase a cabo a través da colaboración interinstitucional entre as Consellerías de Cultura e Educación; Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; e Economía e Industria. Así mesmo, contarase coa colaboración da Fundación Galega da Paisaxe Juana de Vega.

Deja un comentario