+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Decembro de 2018

Benestar inviste case 67.000 euros en financiar os programas de inclusión social dos concellos de Vilaboa e Marín


O orzamento desta liña de axudas aumentou este ano e permitirá apoiar programas de inclusión social dirixidos á poboación xitana, inmigrante e ás persoas en risco de exclusión beneficiarias da RISGA

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou que a Consellería de Traballo e Benestar investirá este ano case 67.000 de euros en financiar os programas de inclusión social que desenvolven os concellos de Vilaboa e Marín. O ano pasado a contía foi de 56.300 euros.

Con este orzamento, apóianse aquelas iniciativas dirixidas á poboación xitana, inmigrante, e a persoas en risco de exclusión beneficiarias da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA).

No caso do concello de Marín, destinaranse 24.507 euros para subvención de programas ao colectivo xitano e 17.250 a programas para inmigrantes. Vilaboa recibirá, pola súa banda, 25.020 euros destinados a programas para inmigrantes.

Na provincia de Pontevedra, as axudas suporán un total de 272.529 euros, beneficiándose seis concellos: Marín, Vilaboa, Lalín, Ponteareas, Porriño e Vigo.

Esta orde de axudas inscríbese na aposta do Goberno galego pola inclusión social, que se reforza cada ano, e con este fin, a Consellería volveu este ano a aumentar o orzamento destinado a este fin, ao pasar dos 1,6 millóns do 2014 a superar os 1,7 millóns neste exercicio. Deste xeito, o investimento desta convocatoria está distribuído do seguinte xeito: 650.000 euros para a comunidade xitana, 306.652 euros para a poboación inmigrante, e 779.831 euros para os beneficiarios da RISGA.

“En liñas xerais”, segundo explicou o delegado territorial, “a convocatoria contempla financiar as seguintes actuacións: itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral; intervencións educacionais para mellorar as condicións residenciais das persoas ou familias incorporadas a procesos de realoxo, erradicación do chabolismo, ou con carencias básicas no fogar; accións educativas enfocadas aos menores; asesoramento técnico especializado; e apoio ás persoas inmigrantes no relativo á realización dos trámites precisos nas autorizacións e renovacións de residencia e traballo”.

Ao abeiro destas liñas principais de traballo cos colectivos beneficiarios, levaranse a cabo medidas máis concretas como cursos de alfabetización dixital, accións formativas para obter certificados de profesionalidade, orientación e apoio ao alumnado, ou aprendizaxe de linguas para a poboación inmigrante, entre outros.

O obxectivo último de todas estas actuacións é acadar a inserción sociolaboral destes colectivos.

Deja un comentario