+034 986 09 02 04 Martes 20 de Outubro de 2020

Benestar destina preto de 155.000 euros aos concellos de Vigo e o Porriño para levar a cabo accións de inclusión dirixidas a poboación xitana, inmigrantes e beneficiarios da RISGA


Obtiveron axudas todos os municipios que o solicitaron sendo o obxectivo último de todas estas actuacións acadar a inserción sociolaboral destes colectivos

A Consellería de Traballo e Benestar investirá preto de 155.000 euros en financiar os programas de inclusión social dirixidos á poboación xitana, inmigrante e beneficiarios da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) que desenvolverán os concellos de Vigo e O Porriño.

A Xunta de Galicia investirá este ano máis de 1,7 millóns de euros en financiar este tipo de programas de inclusión social que desenvolven os concellos galegos. Con este orzamento, apóianse aquelas iniciativas dirixidas á poboación xitana, inmigrante e a persoas en risco de exclusión beneficiarias da RISGA. Este ano volve aumentar o orzamento destinado a este fin, ao pasar dos 1,6 millóns do 2014 a superar os 1,7 millóns neste exercicio.

Cabe subliñar que no que respecta á área territorial de Vigo, obtiveron axuda todos os municipios que o solicitaron, é dicir, Vigo e O Porriño. Así, a cidade olívica recibirá 100.000 euros para os programas destinados a persoas en risco de exclusión social beneficiarias da RISGA e 25.000 euros para os programas dirixidos á poboación inmigrante. No caso do Porriño, o municipio recibirá case 30.000 euros (29.857,58€) para as iniciativas dirixidas á poboación xitana.

En liñas xerais, este programa de subvencións contempla financiar as seguintes actuacións: itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral; intervencións educacionais para mellorar as condicións residenciais das persoas ou familias incorporadas a procesos de realoxo, erradicación do chabolismo, ou con carencias básicas no fogar; accións educativas enfocadas aos menores; asesoramento técnico especializado; e apoio ás persoas inmigrantes no relativo á realización dos trámites precisos nas autorizacións e renovacións de residencia e traballo.

Ao abeiro destas liñas principais de traballo cos colectivos beneficiarios, levaranse a cabo medidas máis concretas como cursos de alfabetización dixital, accións formativas para obter certificados de profesionalidade, orientación e apoio ao alumnado, ou aprendizaxe de linguas para a poboación inmigrante, entre outros.

O obxectivo último de todas estas actuacións é acadar a inserción sociolaboral destes colectivos.

Esta orde de axudas inscríbese na aposta do Goberno galego pola inclusión social, que se reforza cada ano. Tamén ven de ser publicada recentemente a orde dirixida a entidades de iniciativa social, dotada con 5,2 millóns de euros, un 40 por cento máis que en 2014. En total, a partida destinada ás persoas e grupos de poboación en situación ou risco de exclusión social conta neste exercicio cuns 70 millóns de euros, un 17,7 por cento máis que en 2014.

Deja un comentario