+034 986 09 02 04 Xoves 09 de Xullo de 2020

#COVID19 O comité de seguimento da Deputación dá luz verde a axudas e anticipos tributarios aos concellos por máis de 25 millóns de euros


Este martes serán publicadas no BOPPO a nova Liña de Axudas Sociais Extraordinarias, o Plan de Servicios Comunitarios Básicos e o SAF, así como o novo Fondo de Liquidez do ORAL

 

O Comité de Seguimento da Deputación de Pontevedra fronte á pandemia do COVID19, presidido por Carmela Silva, aprobou esta mañá coa unanimidade de todos os participantes, a activación de novas medidas destinadas aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes por importe de máis de 25 millóns de euros. A presidenta provincial puxo en valor “a altura de miras e o traballo conxunto de todos os grupos políticos con decisións consensuadas, algo que estamos a conseguir nesta provincia e da que estou particularmente orgullosa porque creo que é o que a xente necesita nestes momentos tan duros que estamos a pasar. Desexo que así o fagan o conxunto das administracións””

Carmela Silva, informou dos máis de 4 millóns de euros en materia social que se poñen a disposición dos concellos máis pequenos para que podan facer fronte ás novas necesidades a raíz da crise sanitaria, coas novas axudas de emerxencia, o Plan de Servicios Comunitarios Básicos e o SAF, e a liña de axudas extraordinarias.

Esta nova liña, dotada con 1,3 millóns de euros, garante que todos os concellos de menos de 20.000 habitantes disporán de recursos extraordinarios. “É certo, dixo Silva, que para acceder a estas axudas os concellos teñen que cumprir coa normativa do Decreto de Alarma e ter superávit. Como sabemos que, aínda que son poucos, nalgúns concellos non o teñen, nós imos financiar a todos os concellos cumpran o non, porque se non podemos facelo ao través de este fondo extraordinario, farémolo co Fondo de Continxencias. Polo tanto, concluiu a presidenta, ningún concello desta provincia de menos de 20.000 habitantes quedará fora”. Estas axudas extraordinarias están destinadas a atender prioritariamente ás persoas maiores soas, ás persoas de especial vulnerabilidade, ás necesidades de desinfección nos municipios e a todas aquelas que podan ser de carácter básico, “como a compra de material mentres non o reciban doutras administracións”.

Por outra banda, as bases do Plan de Servicios Comunitarios Básicos e do SAF, dotado con máis de 2,2 millóns de euros, tamén serán publicadas este martes no BOPPO. Ao igual que cos Axudas de Emerxencia, os concellos poderán solicitar o 100% sen xustificalo previamente. Amais desta novidade, se ampliará a casuística dos gastos para que podan facer fronte ás novas necesidades derivadas da pandemia nos seus municipios, no eido da atención sociocomunitaria.

Igualmente, Carmela Silva deu conta ao Comité do novo Fondo de Liquidez do ORAL de 21 millóns de euros destinado, a modo de anticipo, a que os concellos dispoñan de recursos para atender as emerxencias derivadas da crise. Con esta medida, os concellos poderán recibir de xeito extraordinario un total de 18 millóns de euros, do importe correspondente da súa recadación do ano pasado a modo do anticipo, ao que hai que sumarlle outros 3 millóns de euros en relación ao imposto de vehículos. Carmela Silva tamén lembrou que ata o 30 de abril están suspendidos todos os pagos por parte da cidadanía de taxas e impostos, salvo no caso que teñan que facer algunha declaración, que terán que facela, pero que non se pasará ao cobro.

Cara ás empresas e persoas autónomas, a Deputación tamén aprobou unha orde interna para axilizar os pagos a provedores para que teñan a maior liquidez posible, “e desde hoxe, informou a presidenta, todo o persoal ten a instrución de tramitar as facturas ao 100% de xeito electrónico e non manual, a fin de acortar aínda máis os prazos de pago”

En Príncipe Felipe, tal e como estaba previsto polo Comité de Seguimento específico do Centro de Menores, hoxe comezaron as labores para a desinfección xeral dos accesos ao recinto, co persoal e medios da EFA Areeiro. A medida tamén se está a facer nos accesos ao Pazo Provincial e ao Edificio Administrativo.

Deja un comentario