+034 986 09 02 04 Xoves 09 de Abril de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

#COVID19 O laboratorio de Mouriscade mantén activas as súas funcións sen incidencias priorizando análises microbiolóxicas e de augas


O traballo neste centro esencial da Deputación de Pontevedra execútase extremando as medidas de hixiene e distancia entre persoas

A Finca Mouriscade da Deputación de Pontevedra mantén a actividade e continúa a executar as súas funcións con normalidade, priorizando análises microbiolóxicas e de augas fronte a nutricionais. Ata o momento, non houbo incidencias e estanse a extremar as medidas de hixiene e a distancia entre persoas para garantir a seguridade do persoal que segue a prestar os seus servizos no centro (a xefa de servizo, tres técnicos de laboratorio e un administrativo).

Tendo en conta a situación de crise sanitaria, detectouse unha diminución das mostras de entre o 40 e o 60%, e marcáronse como prioritarias as análises microbiolóxicas fronte ás nutricionais. O laboratorio continúa analizando ensilados, pensos e materias, así como augas, identificando xermes en leite, análises de microbioloxía de ensilados e control de calidade das materias primas. Con todo elo, se segue a dar servizo aos sectores produtivos como ás gandeiras e gandeiros, persoal técnico e fábricas de pensos.

En canto ás medidas de hixiene e desinfección, ao chegar as mostras, que habitualmente veñen embaladas en bolsas de plástico ou caixas de cartón, son pulverizadas cunha solución desinfectante. Tamén se está a extremar a limpeza de todas as superficies de contacto, mesas, manillas de portas, así como a hixiene e seguridade persoal, seguindo o protocolo de limpeza de mans estipulado e empregando materiais de protección persoal. Ademais, estase a seguir as directrices relativas á distancia entre persoas, para garantir a seguranza do persoal que presta os seus servizos en Mouriscade.

Deja un comentario