+034 986 09 02 04 Xoves 09 de Abril de 2020

O concello de Pazos de Borbén desinfecta varias rúas e espazos públicos do municipio


Os traballos céntranse nos puntos de maior afluencia de veciños como farmacias e tendas de alimentación
Varios reténs conformados por operarios municipais e traballadores dunha empresa especializada están a realizar desde o 18 de marzo diversas tarefas de desinfección no concello de Pazos de Borbén. A prioridade céntrase nos lugares de maior afluencia do municipio e puntos sensibles como o centro da terceira idade de Amoedo e o centro de saúde.
Para garantir unha protección adecuada, os traballos de desinfección están dirixidos polos técnicos dunha empresa especializada en desinfección mentres que os traballadores municipais realizan tarefas de apoio seguindo as súas instrucións. Desta maneira, cada día se desinfectan as zonas comúns de maior afluencia, como a contorna do centro de saúde, a farmacia, o estanco, a gasolineira e o caixeiro automático que hai en Moscoso.
Do mesmo xeito, estes días empezou a traballar outra empresa especializada en desinfección no interior do centro de saúde. Alí, periodicamente se esterilizan todos os elementos sensibles ao contaxio como os pomos e manillas das portas, os asentos das salas de espera ou a recepción do centro.
Ademais, grazas á intervención da Xunta de Galicia, un retén de militares realizou durante estes días unha desinfección intensiva no interior do centro da terceira idade. “Neste momento, o centro da terceira idade e o centro de saúde, son os puntos máis sensibles do municipio”, explicou o alcalde, Andrés Iglesias, que engadiu que “a nosa prioridade é protexer o máximo posible a saúde de todos os nosos veciños e para iso realizaremos todas as tarefas de desinfección que sexan necesarias para garantir que seguimos como ata o de agora, sen ningún caso confirmado de coronavirus no noso municipio”.

Deja un comentario