+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018

O alcalde, membros do equipo de goberno e diretivos de COEMPO presentan a primeira revista de promoción do comercio local de Ponte Caldelas


Contén ofertas especiais para competir cos prezos das grandes superficies e doutros polos de atracción comercial

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e os concelleiros Pilar Couto, do PSdeG-PSOE; José Manuel Martínez, de AVP; e Manolo Barreiro, do BNG, xunto con diretivos da Asociación de Comerciantes e Empresarios (COEMPO) fixeron a presentación oficial do primeiro número da prevista de promoción do comercio local que se distribuirá gratuítamente, a través do buzoneo, nos fogares das distintas aldeas e lugares que conforman os concellos de A Lama, Cotobade, Fornelos de Montes, Soutomaior e Ponte Caldelas a partir do vindeiro luns.

Con esta iniciativa o Concello de Ponte Caldelas e COEMPO queren impulsar ao comercio local para que teña unha ferramenta a través da cal poda facer públicas as ofertas dos seus produtos e servizos como xeito de competir en mellores condicións e de xeito asociativo coas grandes superficies e outros polos de atracción comercial.

Na publicación inclúense de xeito individualizado cada un dos establecementos que conforman COEMPO, coas súas ofertas máis atractivas, co fin de amosarlle á cidadanía que non é preciso saír fóra de Ponte Caldelas ou dirixirxe ás grandes superficies na procura de produtos ou servizos de calidade a prezos altamente competitivos.

Segundo o alcalde Andrés Díaz esta publicación forma parte “das accións concretas de apoio real ao comercio local que estamos a poñer en marcha desde o novo equipo de goberno. Somos conscientes de que detrás de cada establecemento hai persoas, familias, emprego e nós imos a botar unha man para que saian adiante sin ter que pechar ou emigrar fóra do noso concello”, sinala Díaz.

A intención do Concello de Ponte Caldelas é seguir apostando por iniciativas novidosas e suxerentes que impliquen á cidadanía e que busquen dinamizar dun xeito económico harmónico e equilibrado o concello de Ponte Caldelas.

A revista ten 24 páxinas a toda cor e forman parte dela máis de 80 establecementos comerciais de todo tipo e que son socios de COEMPO. Nesta primeira edición a publicación ten unha tiraxe de 6.000 exemplares que serán distribuídos a través dos establecementos comerciais e a través do buzoneo nos principais lugares e aldeas dos concellos de A Lama, Cotobade, Fornelos de Montes, Soutomaior e Ponte Caldelas.

Deja un comentario