+034 986 09 02 04 Luns 23 de Novembro de 2020

O concello de Nigrán emprende a desinfección integral dos accesos ás residencias de maiores no municipio e da súa contorna inmediata


O traballo que nas grandes cidades está a realizar a Unidad Militar de Emergencias o asume o Concello de Nigrán a través da súa concesionaria CESPA

O Concello de Nigrán, a través da concesionaria de limpeza Cespa, emprendeu hoxe a desifección integral dos accesos ás cinco residencias de maiores do municipio e da súa contorna inmediata, traballo que se manterá mentres continúe a crise sanitaria (ao igual que xa se está a facer nos accesos aos centros sanitarios, tendas, farmacias e mobiliario urbano). Deste xeito, o Concello de Nigrán asume por completo no seu territorio o labor que nas grandes cidades está a realizar a UME (Unidad Militar de Emergencias).

“Non temos ao exército pero desde o Concello de Nigrán queremos e podemos garantir estes traballos de desinfección. Os maiores son o colectivo máis vulnerable ante o Covid-19, hai que protexelos ao máximo e, no caso das residencias, son lugares especialmente sensibles onde é preciso extremar todas as medidas preventivas para que o virus non penetre”, indica o alcalde, Juan González. No municipio existen cinco residencias, Bellavista Care (Priegue), vivenda comunitaria A Fortaleza (Nigrán), Stella-Maris San Rosendo (Panxón), Bodía (Nigrán) e Residencia Monteferro.

Paralelamente, o Concello de Nigrán incrementou desde a semana pasada a desinfección dos contedores de lixo para que esta non se limite ao exterior e inclúa o interior e, tamén desde a semana pasada e a requerimento do Concello, Cespa desinfecta os accesos a supermercados, froiterías, panaderías, farmacias e centros de saúde. Desde o inicio da crise do Covid-19 xa se aumentara a desinfección de todo o mobiliario urbano do municipio, con especial atención ás marquesinas e bancos onde as persoas agardan ao autobús e aos contedores.

“Todas as zonas consideradas sensibles, que son aquelas nas que se concentra xente, reciben unha desifencción periódica co fin de evitar calquera posible propagación do virus. Nunha situación como a que estamos a vivir todas estas medidas son especialmente importantes”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán.

Deja un comentario