+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

#COVID19 A presidenta da Deputación supervisa en Príncipe Felipe a “permanente adaptación” dos protocolos ás novas ordes de sanidade e ás previsións da Xunta sobre a crise sanitaria


A institución provincial volve a reforzar as medidas de desinfección, habilita novos espazos médicos e contrata a outras 6 persoas

A Deputación fai, por iniciativa propia, un seguimento diario ao 50 nenos e nenas do Centro de Día, que agora están coas súas familias, a quen achega aos seus domicilios kits diarios de alimentación, hixiene, medicación e material escolar

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, supervisou hoxe na reunión do Comité de Seguimento específico de Príncipe Felipe, a adaptación dos protocolos do Centro de Menores, “que están en permanente actualización”, ás novas ordes ministeriais de Sanidade publicadas esta pasada semana para os centros de servicios sociais e de carácter residencial.

Igualmente, no encontro da presidenta provincial coas direccións dos centros da Cidade Infantil, deuse conta das medidas de prevención para, se fose necesario, dimensionar o centro “anticipándose ás previsións da evolución da crise sanitaria que, segundo informou onte a Xunta de Galicia, situarían o pico da pandemia ao longo deste mes de abril”. Silva insistiu en que “estamos a facer un seguimento diario da crise en todos os servizos pero Príncipe Felipe é a nosa liña prioritaria de atención desde o primeiro día”.

De feito, enmarcado nesas previsións, nos próximos días chegará ao recinto un novo reforzo de equipos EPI, que se engadirán aos xa existentes que xa están preparados para poder enfrontar calquera suposto dun posible contaxio no Centro, que se trataría nos mini hospitais xa establecidos no recinto, así como de diverso material sanitario para a protección e seguridade do persoal e de menores residentes. Precisamente hoxe se coñeceu o resultado negativo da proba de coronavirus dunha traballadora do Centro que estaba en illamento preventivo.

Cara ás novas previsións, tamén reforzáronse as medidas de desinfección e limpeza, incrementouse a carga de lavandería, e habilitáronse novos espazos médicos en Agarimo e na Escola Fogar para evitar traslados á enfermería do Centro. A Deputación de Pontevedra tamén reforzou o persoal de Príncipe Felipe, coa contratación de catro persoas técnicas e outras dúas para labores de vixilancia

Seguimento do 50 menores do Centro de Día
Na reunión do Comité, tamén se coñeceron os datos de seguimento dos 50 nenas e nenos do Centro de Día que, desde que se decretou o Estado de Alarma, están a convivir coas súas familias. Neste caso, e por iniciativa propia da Deputación de Pontevedra aínda que non está recollido nos protocolos, o persoal de Príncipe Felipe está a facer un seguimento telefónico diario de cada un deles e delas. Amais, cada semana se lles achega persoalmente aos seus domicilios os kits diarios de alimentación, de hixiene, do subministro da medicación, e ás familias que non dispoñen de acceso a internet, o material escolar necesario.

Estes repartos se están a facer ao longo de seis concellos da provincia, onde residen as 50 nenas e nenos do Centro de Día, con carácter xeral de forma semanal, pero atendendo tamén aquelas situacións extraordinarias que poida xurdir fora desta planificación semanal.

Na reunión do Comité de Seguimento tamén se decidiu remitir unha comunicación á Xunta de Galicia para poder ter coñecemento das previsións da administración autonómica, como responsable e competente nos centros de menores, cara á situación destas nenas e nenos do Centro de Día unha vez remate o Estado de Alarma, e á propia evolución da crise sanitaria.

Deja un comentario