+034 986 09 02 04 Luns 06 de Xullo de 2020

#COVID19 A aposta tecnolóxica da deputación permite manter a atención cidadá e desenvolver proxectos e iniciativas “para que nada pare”


O pulo que nos últimos cinco anos deu o goberno provincial á implantación das TIC facilita agora que o traballo remoto, o emprego e a formación, o emprendemento, o turismo, a cultura ou o entretemento manteñan o seu ritmo

O forte impulso que o goberno da Deputación de Pontevedra ven dando desde fai cinco anos ás novas tecnoloxías está a demostrar nestes tempos de crise sanitaria e confinamento a súa utilidade, convertendo o desenvolvemento das TIC na principal ferramenta para poder manter activa a prestación de servizos públicos cara á cidadanía, así como a posta en marcha de numerosas actividades e iniciativas.

O traballo remoto, o emprego, a formación, o emprendemento, o turismo, a cultura ou o entretemento poden así manter o seu ritmo habitual coas ferramentas telemáticas que en momentos tan complexos como estes convértense en indispensables. Ademais, a aposta pola implantación das TIC da institución provincial está tamén a permitir que os concellos da provincia, a través dos servizos tecnolóxicos implantados pola Deputación, poidan manterse activos.

Dende a declaración do estado de alarma, a Deputación de Pontevedra aproveitou o desenvolvemento tecnolóxico destes anos para estender a atención telemática á cidadanía e o teletraballo entre a meirande parte do seu persoal traballador así como nos concellos da provincia. Así, aproximadamente 6.150 persoas están a poder seguir prestando os seus servizos tanto nos concellos como na institución provincial de xeito remoto, evitando a paralización completa da actividade en ditas administracións.

Tamén de xeito interno aproveitáronse as novas tecnoloxías para implantar a firma dixital, que permite a continuación dos trámites administrativos a distancia. Igualmente se puxeron en marcha as Xuntas de Goberno e plenos de forma telemática, implantando un sistema tecnolóxico para que as deputadas e deputados participen de xeito activo e poidan exercer o seu dereito de voto con todas as garantías. Esta mesma medida tamén se fixo extensiva aos concellos e entidades locais, para que poidan seguir celebrando Xuntas de Goberno e Plenos pese ao confinamento, con total seguridade para os membros das corporacións locais da provincia.

Por áreas, a aposta polas novas tecnoloxías da Deputación nos servizos de Cohesión Social permitiu reforzar e axilizar a tramitación de máis de 4 millóns de euros en axudas aos concellos da provincia, ao servizo de teleasistencia domiciliaria, e a atención das nenas e nenos de Príncipe Felipe. En canto á teleasistencia, intensificáronse os seguimentos telefónicos das persoas usuarias que non contan con apoio familiar ou social. No que respecta a Príncipe Felipe fíxose un reforzo dos equipamentos informáticos, con ata 100 novos PC e 160 monitores, para que os e as menores poidan seguir as tarefas escolares, contacten coas súas familias e teñan máis opcións de entretemento por Internet con plataformas de televisión como Disney+ e Netflix.

Tamén no emprego e na formación estase a apostar polas iniciativas on line. Como a teleformación para completar as tres horas de formación ao profesorado que quedaban por impartir no marco do proxecto DepoEmprende na Escola, ESO e FP. Nesta área tamén se está a levar un especial control e comunicación diaria, de xeito telemático, coas persoas que se atopan realizando os programas Erasmus+ pola Unión Europea.

A aposta polo emprendemento tampouco se detivo estes días e, grazas ás novas tecnoloxías, a Deputación de Pontevedra está a poder prestar servizos neste campo. Así, o coworking de Barro e SmartPeme están a funcionar adaptándose ás peculiares circunstancias que trouxo consigo o coronavirus. Deste xeito, en canto ao coworking de Barro o 13 de abril botará a andar a súa quinta edición pero de forma online, a través dunha plataforma BlackBoard Collaborate, facilitando que as persoas emprendedoras poidan lanzar as súas ideas empresariais. Xunto á plataforma, tamén se habilitarán outras canles de comunicación, ben a través do Skype ou doutras opcións de videochamada ata que se retome a modalidade presencial.

En canto a SmartPeme dispúxose un plan de acción para fomentar o traballo remoto e obradoiros de formación online, que están a encher todas as prazas, De feito, un plan de continxenxia revisa a diario en función da evolución da crise sanitaria e seguen a prestarse asesoramentos telemáticos que nestas primeiras semanas bateu records en canto a empresas que soicitaron este Servizo. Tamén lanzouse “Covid Makers SmartPeme”, unha iniciativa para apoiar ás persoas emprendedoras que están a fabricar material sanitario.

No campo cultural a Deputación de Pontevedra lanzou unha chea de iniciativas on line para encher o confinamento de entretemento. Así, ao abeiro do Día do Libro convídase á cidadanía a converter abril no mes da cultura, cunha viaxe literaria arredor do mundo para compartir e gozar dos libros. Tamén celebrou, con propostas a través das redes sociais, o Día Mundial do Teatro e o Día das Artes. Amais, no Museo de Pontevedra elaborouse unha programación de visitas virtuais para amenizar a situación e promover e por en valor un dos recursos culturais máis importantes de Galicia, así como se impulsou a iniciativa “O Museo en familia”, para animar ás nenas e nenos a realizar actividades formativas e de lecer na casa con obradoiros relacionados coa exposición de Leopoldo Nóvoa e a faceta teatral de Castelao, e unha actividade para que nenas e nenos participen como comisarios dunha exposición virtual con debuxos, xoguetes e contos das súas propias casas.

Tamén a través das redes sociais se impulsou a iniciativa “Aves desde a casa”, buscando a sensibilización medioambiental nestes días de confinamento. Trátase dunha iniciativa en colaboración con Seo BirdLife que propón crear en familia un caderno de campo con debuxos das aves máis comúns na provincia nestas datas. Do mesmo xeito, a través das redes sociais, xurdiu desde a área de Turismo a iniciativa #21Days21Destinations, para divulgar as marabillas da provincia de Pontevedra, que está a ter unha enorme participación e un xogo de preguntas para demostrar os coñecementos sobre as Rías Baixas.

Precisamente, no eido do turismo, son numerosas as iniciativas virtuais que a Deputación de Pontevedra está a poñer en marcha en materia de novas tecnoloxías. Deste xeito, a presidenta mantivo un encontro telemático coa Secretaría do Estado de Turismo e coas entidades que integran a Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes, para afondar no impacto da COVID-19 no turismo e elaborar estratexias comúns para potenciar o sector turístico trala saída da crise. Ademais, tamén se vai impartir formación SICTED on line para que as empresas que están participando no Plan de Calidade poidan seguir o proceso con éxito.

Deja un comentario