+034 986 09 02 04 Martes 04 de Agosto de 2020

Os composteiros comunitarios utilizados pola veciñanza en Pontevedra e o morrazo duplican a cantidade de biorresiduos tratados durante o estado de alarma


O persoal técnico do Revitaliza cuantificou que o repunte de uso da cidadanía chega ata cuatriplicar o lixo nalgún centro de compostaxe

O vicepresidente Mosquera afirma que o funcionamento do sistema provincial está a funcionar “francamente ben” a pesares do confinamento

 

Os composteiros comunitarios abertos á veciñanza de Pontevedra e da comarca do Morrazo están tratando entre o doble e o triple de biorresiduos durante o estado de alarma que nas semanas anteriores. Así o ten constatado o persoal técnico do Revitaliza da Deputación, que incluso cuantificou que nalgún centro de compostaxe se cuatriplicou a cantidade de lixo orgánico achegado pola cidadanía.

Segundo explica o vicepresidente César Mosquera, o sistema provincial de compostaxe está a funcionar “francamente ben” a pesares do confinamento que, pola contra do que se poida pensar, está provocando que a xente “recicle máis e mellor”.

O persoal técnico provincial vén de percibir un aumento significativo en todos os centros de compostaxe (CCC) da provincia. As velocidades de enchido dos módulos de achega do lixo véñense reducindo significativamente xa que hai máis volume de lixo orgánico diario. Isto tense constatado especialmente nas comarcas de Pontevedra e do Morrazo (nas outras áreas estase aínda a facer as medicións exactas), onde a orixe dos biorresiduos tense trasladado dos grandes produtores (restaurantes, cafeterías, bares… que están pechados), ás vivendas particulares.

Segundo indican as e os técnicos, o feito de que a cidadanía estea na casa e faga todas as súas comidas no domicilio –ademais da crecente afección pola repostería- incrementa significativamente os restos de alimentos e vexetais que tirar ao lixo. Tamén é de destacar que as achegas realízanse perfectamente separadas, sen impropios doutras fraccións (plásticos, papeis, latas…). Isto leva a que nalgúns casos puntuais se chegue incluso a cuatriplicar o volume de restos orgánicos que están a recibir os centros de compostaxe, se ben a media está no doble.

Hai que lembrar que todos os CCC dependentes da Deputación están abertos e atendidos. Segundo o vicepresidente Mosquera, “estamos moi vixiantes deste aumento das achegas, porque estamos funcionando en servizos mínimos e pode haber tensións, pero está indo todo francamente moi ben”, subliña, para insistir en que dende o Revitaliza a intención sempre foi que “se composte ben, non mal e sen control porque iso é malo para todos”.

Mosquera indicou que a compostaxe do lixo vense demostrado como un servizo esencial que se pode realizar por parte da cidadanía coa máxima seguridade e total tranquilidade, xa que existen as máximas garantías. A posibilidade de infección polo COVID é prácticamente nula, moito menor que con outros sistemas, e unicamente podería vir por contaminación cruzada. En calquera caso os CCC se desinfectan practicamente a diario e hai que seguir as recomendacións hixiénicas habituais (separación con outras persoas, uso de luvas, máxima hixiene…). O compost resultante estará perfectamente hixienizado, xa que os virus non soportan 42º e no proceso compostaxe supéranse os 55º de forma mantida, chegando incluso ata os 75º e 80º. “Aí non sobrevive ningún tipo de organismo”, subliña Mosquera.

Composteiros individuais
En canto aos composteiros individuais, séguese a facer o control telefónico dos COIN da provincia dependentes do Revitaliza (5.750) que antes se realizaba de maneira presencial. O COIN ten a vantaxe de que a persoa usuaria non ten que saír da súa casa-finca para levar lixo ao colector, xa que trata os biorresiduos dentro da súa propiedade, e permite levar o resto das fraccións –que non xeran problemas de cheiros- máis espaciadas no tempo aos colectores, diminuíndo o risco de contaxio por non saír da casa.

Realízase unha chamada semanal por parte do persoal técnico (MECOS) e tamén de membros de Adega, Amigos da Terra e Fruga. Ademais de preguntar por situación persoal (saúde, contaxios), pídense datos de enchido, medicións de temperatura, estado do proceso, e danse indicacións de como realizar as tarefas de mantemento. Os datos son procesados para a plataforma Revitaliza, a través da que se monitorizan en tempo real e se poden tirar gráficas de resultados. “As persoas que teñen un composteiro individual na casa, agora teñen máis tempo. Están a botar máis lixo orgánico e atendéndoo máis, polo que pode saír un compost de moi boa calidade”, insiste o vicepresidente.

Deja un comentario