+034 986 09 02 04 Luns 10 de Agosto de 2020

O alcalde de Ponte Caldelas e varios membros do equipo de goberno supervisan con técnicos da Xunta e da empresa adxudicataria das obras o inicio da construción do punto limpo no parque empresarial da Reigosa


Esta instalación estará destinada a favorecer que os veciños do municipio poidan depositar residuos voluminosos, entullos de pequenas reparacións, electrodomésticos, aparatos electrónicos, etc. e suporá un complemento ao servizo de recollida de lixo

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, acompañado polo tenente de alcalde de AVP, Alfonso Gutiérrez, e o concelleiro do BNG Manolo Barreiro entrevistáronse a pé de obra con técnicos da Xunta e da empresa adxudicataria da construción do punto limpo para pormenorizar os inicios dos traballos de creación desta nova instalación municipal que se ubicará nunha parcela do parque empresarial de A Reigosa.

O punto limpo ubicarase nunha parcela municipal triangular de 1.417 metros cadrados situada no parque empresarial da Reigosa e que foi decida no seu día ao Concello de Ponte Caldelas por Xestur, cando se traspasaron os viais, zonas verdes e equipamentos. A obra saíu a concurso cun orzamento de máis de 300.000 euros.

Unha vez que a Xunta constrúa ese punto limpo o Concello de Ponte Caldelas deberá facerse cargo da explotación, mantemento e conservación destas instalacións destinadas a que os veciños do municipio teñan un lugar no que depositar de xeito ordenado os residuos que non poidan ser deixados nos colectores que hai nas rúas ou nas zonas rurais, tales como tubos fluorescentes, residuos de obras procedentes de pequenas reparacións, aparellos, colchóns, botes de pinturas etc.

Algúns deses elementos voluminosos retíranse agora en semanas alternas con previa chamada a un teléfono da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo. Co punto limpo ese servizo manteríase, pero os veciños terían a posibilidade de levalos directamente ao punto limpo sen esperar aos días de recollida.

O equipo de goberno de Ponte Caldelas prevé que o uso deste punto limpo teña un horario de atención ao público por determinar que sexa eficiente co fin de que poida ser utilizado con comodidade e de modo gratuíto polos veciños do municipio como un elemento voluntario e complementario do servizo de recollida de lixo existente.

Este punto limpo estará totalmente pechado e acondicionado con distintos colectores por cada residuo, mantendo sempre un aspecto ordenado que non o diferencia doutra parcela do polígono.

SERVIZO AO CIDADÁN QUE FAVORECE A RECUPERACIÓN E A RECICLAXE DE MATERIAIS E PARA EVITAR VERTEDOIROS INCONTROLADOS

Segundo manifestaron tanto o alcalde como os membros do equipo de goberno que se entrevistaron cos técnicos da Xunta e da empresa adxudicataria das obras, un dos obxectivos principais do punto limpo será a recuperación dos materiais contidos nos residuos para a súa reciclaxe, como o papel, vidro, metais, etc. ao tempo que se evita a vertedura incontrolada de entullo e residuos voluminosos como mobles ou electrodomésticos que ás veces nos encontramos dispersos polo municipio.

O equipo de goberno aposta pola concienciación cidadá neste tema en consonancia coa normativa europea que fixa para os concellos de máis de 5.000 habitantes un obxectivos de sostibilidade que falan de acadar arredor do 50% do lixo para reciclaxe co aforro económico conseguinte e o menor impacto sobre o medio ambiente.

Así mesmo, o punto limpo que se instalará na Reigosa permitirá separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o medio como os medicamentos, pilas, pinturas etc. e tamén permitirá o depósito de entullos de pequenas reparacións, restos de podas e cortes, roupa e calzado, cristal, louza, fluorescentes e luminarias de vapor de mercurio, disolventes, vernices e pinturas, pilas e baterías, aerosois, aceites minerais e vexetais usados, procedentes de particulares.

O punto limpo de Ponte Caldelas non aceptará materia orgánica nin residuos industriais de grandes e medianas empresas xa que estas teñen que ter establecido un sistema correcto de xestión dos residuos que producen.

Deja un comentario