+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

Ángeles Vázquez e David Arcay analizan a preocupación dos pescadores de río por retomar a actividade cando finalice o confinamento


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinala que a pesca deportiva é outra das actividades económicas afectadas pola crise sanitaria do Covid-19, xa que marzo, abril e maio son meses importante para o sector
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión a través dunha videoconferencia con David Arcay, un pescador de referencia na Comunidade galega e campión mundial de pesca deportiva en varia ocasións, para coñecer e analizar a preocupación dos pescadores de río por retomar esta actividade, cando finalice a situación de confinamento por mor da crise sanitaria do Covid-19.

Ángeles Vázquez escoitou de Arcay as preocupacións do colectivo da pesca deportiva, que tamén son conscientes da situación actual do país e as dificultades sociais e económicas que isto está xerando e, sobre todo, que xerará. Ambos coincidiron en que ao redor da pesca deportiva existe unha actividade económica, como as tendas de efectos navais e artefactos, que se viron afectadas polo cese da actividade, xustamente no momento máis importante en termos de ventas, pois os meses máis importantes para este sector son marzo, abril e maio.

A conselleira de Medio Ambiente agradeceu a Arcay e ao colectivo de pescadores o seu comportamento durante o período de confinamento, pois –agás persoas puntuais como as persoas denunciadas a semana pasada- acataron non saír ao río xustamente en véspera do inicio da actividade, tras un ano de espera. A nota positiva a estas semanas de confinamento é que o entretemento para os afeccionados pasou por aproveitar este tempo montando moscas e preparando o equipamento persoal, para cando se poida retomar a pesca, tal e como lle trasladou o campión mundial de pesca deportiva.

Nese sentido, a conselleira invitou a David Arcay a trasladar todas e cantas iniciativas e ideas considere para articular a volta á actividade da pesca no momento no que o Estado levante a situación de confinamento para as actividades que se practican ao aire libre e de xeito individual, como é o caso da pesca deportiva.

Recordou que este compromiso xa llo trasladou a semana pasada aos membros da Federación Galega de Pesca, cos que tamén mantivo unha reunión por videoconferencia, na que coincidiron na necesidade de seguir en contacto para analizar como evoluciona a situación e de que xeito se poderían retomar ambas actividades, cando chegue o momento e sempre de forma paulatina e en función das decisións que vaian adoptando Xunta e Estado.

Deja un comentario