+034 986 09 02 04 Martes 01 de Decembro de 2020

A Deputación de Pontevedra financia novas actuacións nos concellos do Porriño, Arbo  e Soutomaior


Trátase dun investimento da liña 1 do Plan Concellos por máis de 600.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, reunida de xeito telemático, vén de aprobar investimentos para os concellos do Porriño, Arbo e Soutomaior con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2020. En concreto, son 608.075,50 euros cos que estes tres concellos realizarán melloras e humanizacións.

O concello do Porriño contará cunha subvención de 422.636,83 euros destinados á humanización da rúa Aloques e ao pavimentado da segunda travesía de Aloques e da rúa Tarela. No que respecta á humanización, esta consistirá na renovación e ampliación das redes dos servizos humanos existentes como son as redes de drenaxe, saneamento, abastecemento de auga, distribución de enerxía eléctrica, telecomunicacións e alumeado público. As obras complétanse coa execución dun muro, unha escaleira que une a rúa Aloques coa Avenida de Galicia, sinalización e a incorporación de mobiliario urbano e xardinería.
O o concello de Arbo recibirá unha achega de 123.544,75 euros destinados á mellora e ampliación do camiño de Esmoriz-Arbo debido ao seu mal estado e á falta de saneamento. Por unha banda, prevese unha ampliación de metro e medio do camiño existente así como a execución de catro muros de mampostería cunha altura media de dous metros e a reposición de peches. Por outra banda, para salvar o depósito de auga existente, prevense catro pilares con estribos e unha lousa de formigón así como a pavimentación do camiño. Amais, esta actuación no camiño de Esmoriz-Arbo conta co proxecto dun colector de 305 metros para a rede de residuais.
Para o concello de Soutomaior foi aprobado un investimento de 61.893,92 euros coa finalidade de reparar as pilas da ponte sobre o río Verdugo na entrada do concello ao parque empresarial A Reigosa. Esta actuación realizarase como consecuencia dos danos postos en manifesto durante as inspeccións da ponte, que conta cunha estrutura duns 60 metros de lonxitude. O dano máis importante detectado atópase na Pila 1, cuxo deterioro nas superficies de formigón, xunto cos danos derivados de impactos de elementos arrastrados pola corrente, comprometen a integridade estrutural da ponte. Polo tanto, considérase imprescindible actuar con carácter de emerxencia para estabilizar os danos detectados e que o seu deterioro progresivo non conduza ao colapso.

Deja un comentario