+034 986 09 02 04 Mércores 02 de Decembro de 2020

A Xunta remite á Asociación Profesional de Empresas Medioambientais o criterio do ISSGA sobre as medidas de seguridade para a recollida e tratamento dos residuos


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda envía aos membros de Aproema a resposta do ente responsable da seguridade e saúde laboral en Galicia, para que trasladen aos seus socios as medidas e protocolos que garanta unha total seguridade aos operarios que recollen e manipulan residuos sanitarios
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, remitiu hoxe aos representantes da Asociación Profesional de Empresas Medioambientais (Aproema) o criterio que propón o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia sobre as medidas de seguridade e saúde laboral que deben adoptar empresas e traballadores de recollida e tratamento de residuos sanitarios.

Tal e como anunciou a semana pasada Ángeles Vázquez, a Consellería de Medio Ambiente trasladou ao Issga as dúbidas e temores que este colectivo manifestou á Xunta, co fin de que establecera un criterio propio e se superaran as dúbidas xeradas coa publicación das instrucións do Ministerio de Sanidade, debido á falta de concreción.

No escrito elaborado polo Issga, diferéncianse as actividades segundo o risco derivado da crise do Covid-19: aquelas nas que a exposición ao SARS- CoV-2 poida constituír un risco profesional e aquelas nas que constitúe unha situación excepcional. Neste segundo caso, o recomendable é adoptar medidas segundo ás diferentes tarefas, que se deben facer co asesoramento do servizo de prevención da empresa.

Cómpre recordar que o Issga publicou unha «Guía de recomendacións preventivas de saúde laboral ante o coronavirus» así como carteis e folletos informativos por sectores, que recollen as principais medidas preventivas indicadas polas autoridades sanitarias (http://issga.xunta.gal/portal/contido/avisos/aviso_0018.html).

Outro dos aspectos nos que se insiste é na eficacia das medidas preventivas que eviten ou diminúan o risco de infección, como lavar con frecuencia, auga e xabón as mans e con preparados/solucións de base alcohólica; tusir ou esbirrar sobre un pano de papel e desbotalo inmediatamente nun cubo con tapa e pedal; se non hai un pano, tusir ou esbirrar sobre a parte interna do cóbado para evitar o contacto coa man; gardar unha distancia de dous metros entre as persoas.
En relación cos residuos, no escrito do Issga sinálase que, en liña co que vén afirmado o departamento que dirixe Ángeles Vázquez, o material de hixiene persoal (luvas e mascarillas, principalmente) producido por sectores ou actividades con baixa probabilidade de exposición son considerados residuo non perigoso; polo que debe depositarse na fracción resto.

Deja un comentario