+034 986 09 02 04 Mércores 02 de Decembro de 2020

A Xunta retoma a execución de preto de 400 obras públicas, que supoñen un investimento duns 230 millóns de euros


É unha das decisións acordadas pola Xunta para garantir a prestación dos servizos públicos e o funcionamento da economía dentro das restricións vixentes
A Xunta vén de retomar a execución nos últimos días de preto de 400 obras públicas, que supoñen un investimento este ano de algo máis de 230 millóns de euros.

É unha das decisións acordadas pola Xunta para garantir a prestación dos servizos públicos e o funcionamento da economía dentro das restricións vixentes. En todos os casos, débense cumprir de forma estrita as medidas e recomendacións sanitarias ante a epidemia de coronavirus para garantir a saúde dos traballadores.

Así, esta semana retomáronse os traballos en obras de relevancia como as estacións intermodais, a Cidade da Xustiza de Vigo, o hospital de Ferrol, ou a construción de novos centros de saúde e educativos en varios concellos galegos.

Tamén se retomaron aquelas actuacións de melloras vinculadas ao Xacobeo 2021, obras de seguridade viaria e reforzos de firme, saneamento das rías galegas, ampliacións e melloras dos nosos portos e obras en centros ocupacionais. Tamén outras actuacións de rehabilitación de vivendas, obras en polígonos industriais, humanizacións ou conservación da natureza.

Ademais destas obras, que estaban en execución antes do inicio do Estado de Alarma e que agora se retoman, a Xunta tamén vai continuar a tramitación doutras 116 obras que estaban licitadas ou pendentes de licitar e que suporán un investimento de máis de 67 millóns de euros. Pódese continuar en tanto foron consideradas esenciais por parte do Consello da Xunta

En total, as que estaban en execución máis as que se continuarán por ser consideradas esenciais, suman 513 obras que supoñen un investimento aproximado de 300 millóns de euros. A nivel porcentual, isto suporá continuar 77% das obras que estaban en execución ou previstas.

Con estas medidas, a Xunta está a emprender as accións necesarias para manter a actividade da Administración autonómica durante as restricións do Estado de Alarma pola epidemia de coronavirus co obxectivo de conseguir un correcto funcionamento dos servizos esenciais e estar en condicións de retomar a actividade coa maior axilidade posible en canto se levanten as limitacións actuais.

Deja un comentario