+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

Mos inaugura un blog deportivo que traslada os pavillóns municipais aos fogares dos mosenses


Cinco monitores do Óscar Pereiro acompañarán diariamente á veciñanza mentres fai deporte na súa casa

Desde hoxe mesmo atópase en activo a nova iniciativa da concellería mosense de Deportes que dirixe a edil Begoña Toucedo: un blog deportivo baixo o título ‘Mos co Deporte’ elaborado por 5 monitores municipais do Pavillón Óscar Pereiro: Juan Rodríguez, Lorena Lago, Nacho Carballido, Paco Villanueva e Salva Sío, que publicarán contidos diarios no mesmo.

Este novo blog, recén inaugurado, pode ser visitado na ligazón https://moscodeporte.blogspot.com/?m=1 e vai dirixido en xeral a toda a veciñanza interesada en practicar actividade física nos seus fogares, pero está tamén pensado especialmente para os/as xa usuarios/as de programas deportivos municipais que viron interrompida a súa actividade por mor da actual crise sanitaria do COVID-19.

O obxectivo é motivar á cidadanía mosense para que continúe a manter unha vida activa a pesar das semanas de confinamento. Para elo os monitores deportivos municipais do Concello de Mos irán publicando diariamente contidos que lles sirvan aos veciños e veciñas de guía á hora de realizar actividade física nas súas casas.

Preténdese tamén facer máis soportable o confinamento mediante o deporte aos nenos e nenas, pero tamén aos adultos/as e maiores. Trátase dun blog dirixido a públicos con todo tipo de perfís, con alternativas adaptadas a diferentes idades e niveis de forma física.

Os exercizos propostos son adaptables tamén dependendo do espazo que teña na súa respectiva casa cada un dos/as lectores/as e en función de cantas persoas vivan no domicilio, ou cantas sexan as que queiran realizar a actividade conxuntamente.

Ponse especial fincapé nas persoas maiores de 65 anos do municipio, un colectivo moi habitual e numeroso nos programas deportivos municipais dirixidos a esta franxa de idade, e que desde o Concello de Mos considérase moi importante que non abandoen completamente a actividade física por mor do confinamento. Xa que a propia Organización Mundial da Saúde recomenda, para as persoas maiores de 65 anos, alomenos 150 minutos semanais de actividade física moderada.

Deste xeito o Concello de Mos continúa a apostar polo Deporte a pesar desta situación excepcional derivada do estado de alarma. E, tras por en marcha o programa ‘O Deporte non Para en Mos’ con vídeos de actividade deportiva monitorizada todos os martes e xoves nas redes sociais municipais, emprende agora esta nova andaina a través deste innovador e pioneiro blog titulado ‘Mos co Deporte’.

Deja un comentario