+034 986 09 02 04 Luns 06 de Xullo de 2020

Soutomaior organiza unha campaña para celebrar o Dia do Libro animando aos veciños para recomendar as súas lecturas favoritas


Os participantes entrarán no sorteo de 40 vales de 25 euros para comprar libros
O Concello de Soutomaior acaba de poñer en marcha unha campaña a través das súas redes sociais para fomentar o hábito de lectura entre a veciñanza. A idea é que os participantes animen a ler aos seus veciños recomendándolles as súas obras favoritas a través dun pequeno texto. A iniciativa púxose en marcha hoxe, con motivo da celebración do Día Internacional do Libro, e os textos poderanse presentar ata o vindeiro xoves 30 de abril.
Entre todos os veciños que participen na iniciativa realizarase un sorteo de 40 vales por importe de 25 euros que servirán para a compra de libros. O sorteo realizarase publicamente unha vez finalice o estado de alarma. O medio para presentar os textos será a través do perfil de Facebook da Concellería de Cultura, nos comentarios da publicación marcada, e non poderán exceder as 5 liñas como máximo. Os textos deberán conter o nome completo do autor ao final do mesmo e poderán ir acompañados de imaxes, aínda que non é obrigatorio.
Para facilitar o acceso ao sorteo dos menores e de veciños sen perfís nesta rede social está permitido achegar textos doutras persoas especificando claramente o nome do autor ao final do texto. Os autores poden colaborar con todos os textos que desexen, pero, para garantir que non se repiten os premios, só poderán acceder ao sorteo co primeiro texto rexistrado por cada un.
A edil de Cultura, Noelia Ocampo, quixo animar a todos os veciños “a participar celebrando un día do libro especial e no que podemos axudar a moitos achegando boas lecturas, que ao final se converten en grandes momentos”.

Deja un comentario