+034 986 09 02 04 Xoves 29 de Outubro de 2020

O Concello expón na Mesa polo Comercio as principais medidas adoptadas dentro do Plan de Reactivación Local


Os concelleiros delegados de Facenda e de Comercio, Manuel Santos e Cristina Acuña, presidiron a reunión deste órgano, na que participaron representantes dos grupos políticos da Corporación municipal.

A Sala de Xuntas do Concello de Marín acolleu esta mañá a celebración da Mesa de
Traballo polo Comercio, na que o concelleiro de Facenda, Manuel Santos, e a concelleira
de Comercio, Cristina Acuña, expuxeron as principais medidas adoptadas polo Goberno
local no que respecta a este sector.
Na reunión participaron representantes dos grupos políticos do PSOE e do BNG, que
conforman xunto co PP a Corporación marinense. Santos e Acuña presentaron as medidas
económicas que se puxeron en marcha para paliar, na medida do posible, a crise
económica que derivará da crise sanitaria que estamos a vivir.
A gran maioría destas medidas céntranse en facilitar ao máximo o pago de impostos e
taxas aos propietarios de establecementos comerciais e de hostalaría, ampliando prazos
de pago voluntario en diversos tributos. Incluso aprobouse a exención total do pago da
taxa por ocupación de vía pública de mesas e cadeiras durante o que resta do 2020 e
durante todo o 2021, engadindo, ademais, a devolución do importe cobrado por este
concepto durante o Estado de Alarma.
Santos considera que se trata “dunha medida que pode axudar moito aos locais de
hostalaría”, un dos sectores que sairá máis castigado da situación de confinamento
derivado da crise epidemiolóxica tan dura que atravesa o noso país.
Pola súa banda, a concelleira Cristina Acuña adiantou aos grupos políticos que esta fin de
semana lanzarase a campaña de dinamización na que a súa concellaría leva varias
semanas traballando, “e que pretende ser un revulsivo para a nosa economía local,
dotándoa dun espazo online que mellore a súa visibilidade no mundo virtual”.
Ademais, Acuña afirma que a iniciativa servirá como colchón “para despois desenvolver
campañas puntuais de dinamización comercial que fomenten o consumo nos
establecementos locais por parte da veciñanza”.

Deja un comentario