+034 986 09 02 04 Xoves 29 de Outubro de 2020

A Xunta destaca a necesidade de rectificar o Plan de Desescalada do goberno cunha maior participación das comunidades


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Senado na reunión da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, onde pediu unha cooperación entre administracións para reactivar a actividade
A Xunta solicita rectificar o plan de desescalada avanzado esta semana polo Goberno central cunha maior capacidade de decisión das comunidades. Así o destacou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa comparecencia na Comisión Xeral das Comunidades no Senado, onde apelou a unha maior información e cooperación entre administracións para loitar contra o coronavirus e traballar na recuperación económica e social.

Na súa intervención puxo como exemplo a actuación do CECOP, integrado por representantes da Xunta, da Delegación do Goberno e dos concellos e deputacións a través da Fegamp, no marco do que se teñen aprobado medidas en tódalas frontes e de forma coordinada entre as institucións representadas.

Alfonso Rueda indicou que a acción da Administración autonómica estivo tamén coordinada en todo momento co Goberno do Estado e lembrou a lealdade e a man tendida da Xunta na loita contra o COVID-19. Por iso, reclamou que esa lealtade sexa “recíproca” tamén por parte do Executivo central, ao que instou a retomar o diálogo coas comunidades para rectificar o plan da desescalada e traballar en consenso nun documento definitivo.

En canto ao plan de escalada, a Xunta defende que se determine a área sanitaria en lugar da provincia como unidade de referencia para avanzar nas súas fases. O Goberno galego pide tamén que se teñan en conta as peculiaridades das zonas rurais e avoga por permitir a mobilidade entre as catro provincias galegas se a situación epidemiolóxica é a mesma sen ter que esperar a que se teñan superado tódalas fases previstas.

Reparto de material de protección

Alfonso Rueda destacou que a Xunta anticipouse ao Goberno central na toma de medidas desde un primeiro momento coa mobilización de todos os recursos dispoñibles. Fixo referencia así á compra de material de protección, que o Executivo central decidira centralizar e se comprometera a distribuír ás comunidades e aclarou que o 90% do material repartido na comunidade galega foi adquirido pola Administración autonómica para abastecer a centros sanitarios, centros sociais, concellos e empresas.

En canto ao uso das máscaras, o vicepresidente da Xunta solicitou ademais un protocolo único sobre a recomendación do seu uso cunha postura coordinada sobre a distribución e o acceso a este material co obxectivo de “evitar incertezas” cando o seu uso se xeralice durante o proceso de desescala. Nesta liña, insistiu en que o Goberno central ofreza “maior concreción e comunicación” neste ámbito e sobre os distintos aspectos relacionados co plan de desescalada.

Deja un comentario