+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

Ponteareas peonaliza o centro en sábados e festivos para garantir unha mobilidade segura


O Concello de Ponteareas prepara diferentes medidas para garantir a mobilidade
segura das persoas durante a crise sanitaria. Segundo explicou o concelleiro de
Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, “Ponteareas ten unha rede peonil raquítica. O
espazo público para as persoas representa o 28% fronte ao 72% que ocupan os
vehículos. A maioría das beirarrúas, onde existen, son moi estreitas e non permiten
cumprir as normas de distanciamento social e seguridade nos desprazamentos”.

Para adaptarse á nova situación, a concelleria de Mobilidade e Tráfico está deseñando
un conxunto de medidas que se implementarán gradualmente nos vindeiros días e
semanas e que buscan dar seguridade ás persoas que agora en maior número
poderán sair á rúa. A primeira consistirá na peonalización do centro urbano os
sábados, domingos e festivos, entre as 9:00 e as 23:00 horas, permitindo o acceso en
vehículo a residentes e servizos.

Para o resto dos días o goberno estuda converter todo o centro urbano en zona
limitada a 20 Km/h con prioridade na calzada para os peóns que poderán usala e
atravesala en calquera lugar. Deste xeito valórase establecer o sentido único de
circulación nas beirarrúas inferiores aos tres metros de anchura. Os peóns, ao ter
preferencia na calzada, poderían cruzar á beirarrúa oposta en calquera punto sen
necesidade de dar rodeos cambiando así o sentido de circulación ou acceder a portais
ou establecementos.

Ademais Mera explicou que o goberno vai crear espazos seguros nos
establecementos públicos e privados con afluencia de xente que agarda quenda no
exterior. Para iso habilitaranse zonas de estancia peonil nos espazos de aparcamento.

Deja un comentario