+034 986 09 02 04 Venres 14 de Agosto de 2020

Educación licita por 854.000 € a rehabilitación integral do CEIP Baño-Xanza (Valga)


O obxectivo é comezar as obras no verán

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar en Contratos de Galicia a licitación da rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza (Valga), por importe de 854.064,09 €. Está previsto executar os traballos de interior no verán e compatibilizar o remate dos de exterior coa actividade docente. As obras teñen un prazo de execución de 3 meses e son susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O CEIP Plurilingüe de Baño-Xanza está formado por dúas edificacións, unha máis antiga destinada a Primaria e outra máis recente na que se concentran as aulas de Educación Infantil. As obras programadas dentro da rehabilitación integral abranguen os dous edificios.

No edificio de Educación Primaria procederase á substitución da cuberta por panel de sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de espuma de poliuretano, incluídos os canlóns e as baixantes. Tamén se procederá á limpeza da fachada e ao seu illamento mediante inxección en cámara de aire de perlas expandidas de EPS e adhesivo; á substitución das ventás actuais por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo, á substitución de persianas e á instalación de novas luminarias con tecnoloxía LED nas aulas de arte, de actividades extraescolares e na ludoteca. Así mesmo levarase a cabo unha reforma dos baños da segunda planta e pintaranse os radiadores, paramentos e carpintarías interiores segundo o estudo de cor elaborado para este centro.

No caso do edificio de Educación Infantil, acometerase o illamento térmico exterior mediante o sistema SATE, e o illamento baixo o forxado sanitario con paneis de la de roca.

As actuacións programadas para este CEIP completaranse coa limpeza e baleirado da fosa séptica e a instalación do colector para a acometida á rede xeral de saneamento, e a colocación do elemento de identidade corporativa do centro.

Deja un comentario