+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

Soutomaior axiliza os trámites para facilitar a reapertura de terrazas a partir deste luns


O goberno local acaba de poñer ao dispor dos hostaleiros un novo modelo para solicitar a autorización necesaria durante o estado de alerta sanitaria

O Concello de Soutomaior está a preparar a entrada do municipio na Fase 1 da desescalada. Esta mañá, o goberno local puxo ao dispor dos negocios locais un novo modelo para axilizar o proceso e que os establecementos poidan instalar as súas terrazas a partir deste luns coas restricións establecidas polo goberno para esta fase.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, xustificou a necesidade desta actuación indicando que “a hostalería é un dos maiores motores económicos do noso municipio. É a nosa obrigación tentar axudarlles o máximo posible durante estes momentos, que son moi duros para todos pero que, no seu caso, pon en gran risco moitos postos de traballo e o medio de vida de moitos veciños”.
Así, segundo establece a solicitude de autorización, os establecementos que desexen instalar as súas terrazas para partir do luns deberán cumprir cunha serie de condicións, como as de manter a distancia de seguridade entre mesas e cadeiras, garantir o libre tránsito de peóns e non impedir en ningún caso o acceso a vivendas, bocas de rega, pasos de peóns ou calquera elemento do mobiliario urbano, como bancos e papeleiras.
Ademais, segundo indican desde o Concello, as condicións deste permiso establécense sen prexuízo das obrigacións que poidan ser establecidas pola Xunta de Galicia ou o Goberno Central, que serán os encargados de determinar finalmente a ocupación máxima dos establecementos segundo a fase de desescalada na que nos atopemos.
Os interesados, deberán achegar xunto á súa solicitude de permiso un sinxelo esquema ilustrativo coa nova disposición da súa terraza exterior. Nel, indicarase o número total de mesas e cadeiras que se desexa instalar, así como a súa localización final na rúa ou praza na que se atopen. Ademais, deberán declarar que o establecemento non está afectado por ningunha resolución de disciplina urbanística ou de contaminación acústica.

Deja un comentario