+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

Máis de 120 persoas participan na visita guiada nocturna aos petróglifos da Área Arqueolóxica de Tourón


A experiencia turístico-cultural estivo dirixida polo arqueólogo Lois Vilar e resultou amena para o numeroso público que quixo coñecer unha das zonas emblemáticas da arte rupestre en Galicia

Máis de 120 personas participaron na visita guiada nocturna aos petróglifos da Área Arqueolóxica de Tourón dirixida polo experto en arte rupestre, o profesor Lois Vilar quen dun xeito ameno contribuiu a un achegamento dos misterios dos grabados en pedra ao público asistente entre o que se atopaba o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, o tenente de alcalde do BNG, Lito Muíños e o concelleiro nacionalista Manolo Barreiro.

Previamente á incursión nocturna polas distintas estacións que conforman a Área Arqueolóxica de Tourón, Lois Vilar pronunciou unha conferencia introdutoria sobre a arte rupestre en Galicia e a súa relación coa existente en Europa. Aproveitou para desmitificar varias teorías existentes sobre os petróglifos aproveitando novos estudios científicos, máis recentes, que parecen arroxar nova luz sobre este curioso legado pétreo do pasado.

O arqueólogo deteu especialmente en elementos relacionados coas esceas de caza (54 en toda Galicia) e as distintas teorías que axudan a interpretar o sentido dos grabados existentes nas pedras. Deteuse de xeito especial naqueles motivos que se poden atopar nas estacións rupestres existentes na Área Arqueolóxica de Tourón.

Asemade, Lois Vilar denunciou o estado de abandono de moitos petróglifos, a mercede da proliferación de especies vexetais invasoras como as xestas e a perigosidade que esto supón para a súa conservación posto que en caso de incendios as pedras sufren altas temperaturas que acaban por escachalas e acabar cunha mostra de arte prehistórica de importancia mundial.

Lois Vilar, dun xeito moi ameno e apoiándose en fotografías que proxectaba na aula de interpretación existente en Tourón, defendeu a importancia que os petróglifos teñen no sentido e na idiosincrasia de Galicia como pobo senón que tamén defendeu o seu importante foco de atración turística que, “en moitas zonas de Europa con moito menor patrimonio arqueoloxico que na nosa Comunidade Autónoma son lugares de peregrinaxe continua de turistas, estudiosos e persoas en xeral que de xeito desestacionalizado visitan estes grabados rupestres”, sinalou o arqueólogo indicando que Galicia tamén aí tiña un potencial importante que ligaría a conservación dos petróglifos cun incentivo económico para a súa conservación.

Deja un comentario