+034 986 09 02 04 Martes 14 de Xullo de 2020

O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra presenta no Día do Neno Hospitalizado unha guía ilustrada infantil con información amigable para os meniños


Como apoio ao plan de acollida ao paciente pediátrico, desenvolveuse esta publicación que recolle os puntos claves do proceso cirúrxico cunha linguaxe cercana e sinxela para que nenos e familias se atopen nun entorno máis agradable
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra celebrou hoxe o Día do Neno Hospitalizado presentando unha guía -en formato conto ilustrado infantil co título “Beatriz vai ao quirófano feliz”- para potenciar a humanización e comunicación no contexto das intervencións cirúrxicas pediátricas e diminuir os posibles temores, estrés e ansiedade que ditas operacións poden xerar nos pacientes infantís.

Esta iniciativa -presentada hoxe na área cirúrxica do Hospital Provncial polas anestesistas Yolanda Sanduende, Cristina Barreiro e Sergio Martínez Fernández- xurdiu como apoio ao plan de acollida ao paciente pediátrico. Así desenvolveuse a guía en formato conto ilustrado infantil que recolle os puntos claves do proceso cirúrxico cunha linguaxe cercana, sinxela e amable para que tanto nenos coma familias se atopen nun entorno máis agradable.

Dita publicación aporta información hospitalaria, presentando incluso aos profesionais que van acompañar durante a súa estadía hospitalaria aos nenos e familiares, enumerando así mesmo diversas pautas pre-cirúrxicas.

Protagonismo para os nenos
Este proxecto de humanización pretende dar un maior protagonismo especial aos nenos, para que se sintan partícipes de todo o proceso de hospitalización e intervención. Así, reciben un cuestionario sinxelo para que resposten, se lles entrega un carné de conducir que lles da acceso en automóbil ao entorno máxico cirúrxico, exclusivo para “superheroes”, ao que poden levar incluso o seu xoguete preferido.

A guía ilustrada infantil “Beatriz vai ao quirófano feliz” presentada hoxe, Día do Neno Hospitalizado, pretende poñer en valor do esforzo de humanización que, xornada tras xornada, efectúan os profesionais sanitarios e non sanitarios para que a estadía dos cativos nas dependencias da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés sexa o máis agradable posible.

Deja un comentario