+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

O alcalde de Ponte Caldelas propón na Asemblea da Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo impulsar actividades para pescadores e cazadores que repercutan no municipio


Comprometeuse a aumentar a colaboración municipal coa asociación e a potenciar actuacións que melloren a actividade cinexética e piscícola en Ponte Caldelas

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, asistiu como convidado á Asemble da Asociación de Caza e Pesca Verdeseixo e propuxo aos asistentes a realización de encontros por separado (pescadores e cazadores) co fin de impulsar actividades que favorezan a práctica da pesca deportiva e cinexética e que repercutan no municipio.

Despois dunha tensa reunión presidida por Ramón Blanco no que se deron a coñecer as novas normativas que rexirán para o monte e a súa relación coa actividade cinexética en Galicia, o alcalde de Ponte Caldelas foi convidado a dirixirse aos presentes.

Andrés Díaz agradeceu aos membros da directiva da Asociación Verdeseixo a súa dedicación y sacrificio persoal para manter activa esta entidade e anunciou que o Concello intensificará as relacións e o apoio a esta asociación. “Estamos convencidos de que podedes aportar moitas ideas e iniciativas para poder relanzar esta actividade cinexética en Ponte Caldelas e desde o novo goberno municipal imos a ser moi receptivos, non en vano temos un concelleiro no equipo de goberno, José Manuel Martínez, que é cazador coma vós”, dixo o alcalde.

O rexedor propuxo realizar reunións por separado con cazadores e pescadores co fin de analizar polo miudo a situación e poñer en marcha iniciativas que podan repercutir en beneficio do pobo e na práctica deportiva harmónica co medio ambiente.

Díaz anunciou que se tiña solicitado a colaboración da Xunta para construir unha rampa que facilite o remonte do río Verdugo por parte das troitas, na zona da praia fluvial da Calzada, co fin de facilitar o desove e mellorar a repoboación. Tamén se referiu á celebración da Festa da Troita, que o vindeiro ano cumprirá o seu medio século de existencia, para o cal solicitou a colaboración da asociación e dos propios pescadores.

Ao rematar a súa intervención deuse por pechada a asemblea e os asistentes dirixíronse ao alcalde para agradecerlle a súa presencia e felicitárono pola iniciativa de “dar o paso en persoa de vir falar con nós, cos pescadores e cazadores, cousa que non sucedía antes. Non lle imos pedir que solucione os nosos problemas en quince días, xa que acaba de chegar, pero agradecémoslle o xesto que tivo de vir ata aquí un domingo pola mañá, cousa que antes non pasaba co anterior alcalde”, sinalou en público algún dos presentes.

Deja un comentario