+034 986 09 02 04 Martes 11 de Agosto de 2020

A Área sanitaria de pontevedra e o salnés reforzou cun equipo completo de médico-enfermeiro a Atencion Primaria en poio


Coa incorporación destes dous profesionais, os cupos de Atención Primaria en Poio pasan a ser de 1.342 pacientes de media, mellorando a calidade asistencial
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ven de reforzar cun equipo completo de médico-enfermeiro o Servizo de Atención Primaria de Poio, no marco do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021. Coa incorporación destes dous profesionais, os cupos de Atención Primaria nesta localidade pasan a ser de 1.342 pacientes de media, mellorando así a súa calidade asistencial.

Cómpre sinalar que o Servizo de Atención Primaria de Poio ten unha dotación de tres centros de saúde, emprazados en San Salvador -Anafáns-, Combarro e Raxó que dan asistencia a unha poboación de arredor dos 12.084 pacientes maiores de 15 anos. Ata hai un mes, o cadro de médicos en Poio contaba con 8 facultativos de Medicina Familiar e Comunitaria, con cupos que superaban os 1.500 pacientes de media por facultativo.

Novo centro de saúde
No que atinxe ás previsións para dispoñer dun novo centro de saúde neste Concello, cómpre lembrar que a A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés perseverou por acadalo, considerando que a ampliación proxectada entón en Anafáns non cubría as necesidades reais do Concello. Un novo centro de saúde integraría os tres anteriores e aumentaría prestacións: fisioterapia, farmacia e un reforzo da unidade de tarde. Esa iniciativa -inicialmente consensuada co Concello de Poio, finalmente non apoiada- paralizouse.

Posteriormente, o Concello apoiou un novo centro de Atención Primaria para substituir ao centro de saúde de Anafáns. Naquela ocasión, a Xerencia da Área Sanitaria considerou que, como ese outro proxecto tampouco solucionaba a situación asistencial de Poio, era máis resolutivo voltar á opción inicial de ampliar Anafáns. Deste xeito, continúase á espera de que o Consistorio resolva as cuestións urbanísticas da súa competencia para permitir ao SERGAS executar a ampliación en Anafáns que dea resposta ás necesidades de San Salvador.

Polos actuais atrancos de espazo -pendentes de resolver polo Concello poiense- ante a incorporación deste novo equipo completo de médico-enfermeiro, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés optou porque estes profesionais presten asistencia tres tardes en Anafáns e dúas mañás en Combarro. É dicir, os pacientes de San Salvador en ningún caso deberán trasladarse a Combarro para ser atendidos, serán atendidos en San Salvador, e por outra banda, os pacientes que queiran cambiar de médico van ter ocasión de facelo.

No momento no que o Consistorio facilite ao SERGAS a posibilidade de ampliar Anafáns reavaliaráse a actual planificación.

Deja un comentario