+034 986 09 02 04 Venres 07 de Agosto de 2020

Deputación de Pontevedra e Delegación do Goberno coinciden na reclamación á Cunta para que convoque aos entes locais cara ao Plan de Reconstrución para Galicia


Carmela Silva puxo en valor que “en 48 horas esta Deputación tivo a resposta do Delegado. A Xunta segue sen contestar despois dun mes e medio e tres cartas pedindo unha reunión para coordinarnos na saída da crise”
O delegado do goberno, Javier Losada, sinalou que “a cogobernanza non se pode quedar en San Caetano e Moncloa. Ninguén entende que Feijoo non convoque a quen máis coñece o territorio”

Agradecendo a pronta resposta da Delegación do Goberno ante á única solicitude de reunión formulada pola Deputación, comezaba o encontro entre Javier Losada e Carmela Silva para intercambiar informacións relativas á xestión da crise derivada pola Covid-19 e afondar en demandas da administración provincial. “Á Xunta de Galicia remitimos ata tres cartas e despois de mes e medio seguimos sen obter aínda resposta” destacou Silva quen insistiu en reclamar ao presidente da Xunta de Galicia, “que agora está enredado coas eleccións, que convoque de forma inmediata ás catro deputacións provinciais de Galicia para a posta en marcha dun plan de reconstrución para a comunidade”.

Tanto Carmela Silva como Javier Losada reclamaron que a cogobernanza entre o Estado e as Comunidades Autónomas descenda destas tamén aos gobernos locais e deputacións provinciais. Ao respecto ambos fixeron fincapé en que a saída da crise ten que darse xuntas e xuntos: “a Xunta –manifestou Silva- ten que nos convocar xa para dar resposta á reconstrución de Galicia”, algo no que incidiu Losada ao asegurar que “a administración autonómica debe establecer o seu potencial económico en coordinación coas deputacións e gobernos locais, as administracións máis próximas que teñen moito que dicir neste proceso. A cogobernanza, engadiu, non se acaba en San Caetano e Moncloa. O mesmo que Feijoo reclama do goberno central debe aplicalo en Galicia”.

No transcurso do encontro, Silva e Losada repasaron todas as medidas postas en marcha polo Goberno de España para facer fronte ás consecuencias sociais e económicas do coronavirus e “que ninguén se quede atrás”, tal e como destacou Losada. “Nunca antes se puxeran en marcha tantas decisións, axudas e recursos para facer fronte a unha crise”, dixo Carmela Silva, quen incidiu na importancia de trasladar á cidadanía a información para “que poida ter unha posición crítica e realista”. Deste xeito, no encontro detalláronse algunhas das axudas chegadas do Estado a Galicia como os ata 238 millóns de euros que reciben ao mes as persoas en ERTE na comunidade, dos cales 88 chegan á provincia de Pontevedra. En canto ás persoas autónomas, distribuíronse xa 80,7 millóns de euros en Galicia dirixidos a 68.400 autónomos e autónomas, e no que respecta a avales para dotar de liquidez ás empresas, os recursos ascenden xa a 1.795 millóns de euros que se completarán con novas axudas, máis de 20.000 millóns de euros que, tal e como informou Losada, deu a coñecer o presidente do goberno a pasada fin de semana.

Neste exercicio de transparencia e información pública, a presidenta provincial e o delegado do goberno instaron ao presidente da Xunta de Galicia a que “informe de cantos dos recursos que recibiu do goberno do Estado estanse destinando a facer fronte ás necesidades sociais e económicas en Galicia, detallando datos por provincias”. Tamén reclamaron a Feijóo que dea conta dos 19 millóns de euros que achegou o goberno de España para medidas sociais. “Ten que explicar, sinalou a presidenta provincial, onde se están investindo eses cartos porque temos constancia de que eses recursos non están chegando en moitos casos aos gobernos locais”.

Finalmente, durante o encontro telemático, no que o Delegado do Goberno agradeceu “a posición proactiva da Deputación de Pontevedra, tamén se afondou en cuestións como o superávit, os remanentes, as modificacións no teito de gasto e de diversas leis “para tomar decisións áxiles e facer fronte a novas necesidades que temos tanto a nivel económico como social”. No caso dos pasos transfronteirizos, o Delegado de Goberno confirmou que, tras a entrevista co Director da AECT e deputado provincial Uxío Benítez, a demanda dos concellos galegos e portugueses da raia xa foi trasladada aos Ministerios de Exteriores e Interior que están a traballar para acadar medidas e atopar unha solución

Deja un comentario