+034 986 09 02 04 Venres 07 de Agosto de 2020

A Xunta traballa co sector para elevar os estándares de seguridade por riba da media na reapertura dos hoteis


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe nun seminario web organizado polos profesionais do sector da provincia de Pontevedra
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na mesa redonda mantida a través de vídeoconferencia Hoteis de Galicia: abrimos? como? cando?, organizada pola Asociación de Empresarios de Hospedaxe de Pontevedra (ASEHOSPO), Hostelería de Vigo e Hosteleria de Pontevedra, onde puxo de manifesto o traballo que se está a facer da man do sector para elevar os estándares de seguridade por riba da media no proceso de reapertura dos hoteis.

Como explicou, estase avanzando para ter dispoñibles os protocolos que complementen e reforcen as indicacións do Ministerio de Sanidade publicadas no Boletín Oficial do Estado (BOE) para as diferentes áreas do turismo, así como nas guías con recomendacións específicas para cada actividade do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Nava Castro recordou, ademais, que se trata dunha medida incluída no Plan de Reactivación do sector turístico posto en marcha pola Xunta e que recolle entre as súas accións máis destacadas o programa Galicia, destino seguro. Esta iniciativa, que conta cun investimento de 5 millóns de euros, permitirá a posta en marcha de axudas públicas para os negocios que precisen acometer actuacións que teñan por obxectivo garantir a seguridade sanitaria.

Máis de 400 hoteis
A directora de Turismo de Galicia apelou á prudencia e á información e formación á hora de reabrir as actividades para poder realizalo de xeito seguro. Agradeceu o traballo e esforzo do sector hoteleiro, que na provincia de Pontevedra suma máis de 400 hoteis. Referiuse en especial ao compromiso expresado nas semanas máis duras do confinamento abrindo as súas portas aos servizos sanitarios e os servizos esenciais e amosando agora responsabilidade para cumprir os novos protocolos no proceso de reapertura.

Deja un comentario